Nace unha rede social segura para a infancia


Actualmente, diversos estudos confirman que preto do 50 por cento dos nenos e nenas do noso país comunícase por Internet a través de redes sociais e chats e o 20 por cento dos mesmos fano a diario sen a supervisión dalgún adulto e as máis das veces con descoñecidos. A este respecto, as cifras indican que tan só o 9 por cento dos fogares conta con algún programa de control parental no ordenadores domésticos, polo que Internet pode considerarse como unha ferramenta perigosa e de risco para os cativos se non se ten conta de que naveguen por sitios seguros e de confianza para eles.

É por isto que a empresa K-ID Internet for Kids S.L (experta en solucións de seguridade infantil en internet) vén de lanzar a súa primeira iniciativa, a web MyFamilypedia, coa que pretende “previr a violencia e educar á infancia para a seguridade na Rede”.

Trátase dunha nova rede social baseada na nova xeración de Internet web 2.0, onde as familias poden compartir información entre os seus membros e con amigos e amigas do mesmo espazo de xeito seguro.

A idea básica é “compartir e recomendar webs” dedicadas a nenos e nenas de xeito que entre tódolos membros logren atopar sitios seguros e atractivos para os máis cativos.

Para ser usuario de MyFamilypedia hai dúas opcións: o rexistro de identificación tra-lo pago dunha cota anual de 30 euros coa tarxeta bancaria, para que o usuario estea identificado de xeito seguro para o resto de usuarios do portal ou totalmente de balde mediante o rexistro previo.

A primeira das modalidades permite que os seus usuarios naveguen con total seguridade en todo o sitio xa que está avalado pola súa total identificación; coñécese como Estado verde.

A segunda modalidade ten o espazo limitado a 500 Mb para compartir información e os usuarios non poderán participar na rede social de nenos e nenas ó non estar avalados por ningunha identificación; é o que se coñece como estado vermello.

O site para a infancia, Chicos Cool, é unha rede social na que os cativos da casa poden estar en contacto cos seus amigos e facer outros novos, sempre baixo a supervisión dos seus proxenitores e de xeito totalmente seguro.

0 comentarios: