A cidadanía acha importante a formación TIC para o futuro profesional

O Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI) fai unha análise do Diagnóstico á poboación sobre a sociedade da información. Segundo os seus datos, o 7% da poboación asistiu no último ano a actividades formativas sobre TIC, o que sitúa Galiza a 3 puntos da media estatal.

Case a metade das galegas e galegos cre que o seu grao de familiarización coas TIC é baixo ou moi baixo, unha cuarta parte que é "suficiente" e un de cada cinco que é "alto" ou "moi alto". As persoas enquisadas de máis idade son as que se amosan menos convencidas da súa destreza coas novas tecnoloxías: só un 1,9% das persoas de 65 a 74 anos amosa un nivel "alto" ou "moi alto", fronte ao 39,7% da xente máis nova.

A cidadanía tamén percibe a influencia do manexo das TIC no desenvolvemento persoal e profesional. Perto do 40% do conxunto do país cre que vai influír "moito" ou "bastante". A medida que diminúe a idade e aumenta o nivel educativo dos individuos, increméntase a súa percepción do grao de influencia.

Na enquisa do OGSI tamén se analiza o uso que se fai do computador. O 8% da poboación afirma usar os equipos informáticos para tarefas escolares ou estudo. Un 57% desa cidadanía emprega o ordenador cando menos semanalmente.

0 comentarios: