O novo buscador Cuil enfróntase á súa propia orixinalidade


Unha das grandes novidades dos últimos días na internet é o lanzamento dun novo buscador. Cuil (pronunciado en inglés como 'cool'), aspira a desafiar o case monopolio de Google, empresa da que proceden os seus tres creadores. E está a dar moito que falar.

Cuil ofrece unha interface de atractivo deseño e presenta servizos innovadores, como imaxes que acompañan cada un dos resultados da busca. Porén, despois dos primeiros días de proba, xa están a xurdir moitas críticas cara ao buscador. As súas respostas son, moitas veces, case inexplicábeis e non teñen que ver co que se pensaba atopar, ou, cando menos, non coinciden cos resultados dos buscadores tradicionais.

Ademais, as imaxes adoitan ter escasa ou nula relación co contido que acompañan. De feito, xa houbo quen protestou polo feito de que o seu nome aparecese acompañado de imaxes pornográficas nos resultados das buscas.

En calquera caso, Cuil terá que ir solucionando estes problemas, aínda que explicitamente non estea en fase beta. Os seus creadores aseguran que o servizo buscan entre tres veces máis páxinas ca Google e dez veces máis ca Microsoft, e que clasifica as webs polo seu contido e relevancia, sen recoller datos dos usuarios. Ademais, Cuil é unha palabra irlandesa que significa "coñecemento".

0 comentarios: