O Windows Messenger ábrese camiño entre as persoas maiores


Microsoft, coa axuda da Universidade de Pittsburgh, vén de presentar unha serie de datos sobre o emprego que se lle dá á súa ferramenta Windows Live Messenger no eido dos países europeos e en función da idade do usuario. Segundo se apunta no informe e, en contra do que se podería agardar (temos se cadra interiorizadas certas ligazóns de conceptos, como “Rede+mocidade”), en países como España non para de medrar a aceptación do dito servizo de mensaxeiría entre persoas de idade. De feito, o país (onde hai 13 millóns de internautas que o teñen habilitado no computador) vense de situar á cabeza de Europa no que se refire ao afianzamento da ferramenta nos colectivos de usuarios de máis de 45 anos, situándose no 30% a porcentaxe de persoas que a empregan durante máis de tres horas, varios puntos por riba dos índices de Alemaña, Italia ou Francia.

O estudo de Microsoft, realizado sobre unha base de nove países europeos e de 10.000 usuarios, salienta tamén unha serie de datos positivos (para os usuarios de Live Messenger e, tamén, a fin de contas, para a propia multinacional) sobre a influenza do servizo de mensaxeiría instantánea á hora de paliar un dos moitos desfases dixitais aos que se enfronta a Sociedade da Información: o que sitúa aos mozos en posicións de privilexio con respecto aos maiores. “Unha das moitas conclusións do informe”, sinálase, “é que o Windows Live Messenger ten contribuído a construír pontes e paliar as distancias entre xeracións, distancias creadas moitas veces polo propio uso que os mozos fan da tecnoloxía fronte aos adultos”. Sobre esta contribución ao entendemento interxeracional arredor da Rede e máis polo miúdo ao entendemento no propio ambiente familiar, Microsoft ten un dato concreto: o 88% dos enquisados afirma que Windows Live Messenger axuda a manter conectadas ás familias. Asemade, proséguese, case un terzo dos pais e dous terzos dos avós empregan a mensaxeiría instantánea para parolar sobre novas, lercheos e as súas vidas amorosas.

0 comentarios: