A USC implanta a internet como único método para matricularse

Por primeira vez, dende este ano a matrícula na Universidade de Santiago só se poderá xestionar a través da rede. O proceso de matriculación comeza o 7 de xullo e estenderase até o 17 de outubro, con diferentes prazos dependendo de se as titulacións son con ou sen límite de prazas.

O único sector do alumnado que poderá aínda efectuar a matrícula de modo presencial nas Unidades de Xestión Académica correspondentes será o estudantado de primeiro ano. Tamén poderán optar por presentar a documentación por correo certificado ou ben na web usc.es/matricula.

O reitor da USC, Senén Barro, o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo, e a secretaria xeral da USC, Isabel García-Rodeja presentaron a oferta docente e o proceso de matrícula para a universidade compostelá do curso 2008-2009.

No curso que está a piques de rematar, o número de matriculados por primeira vez volveu crecer con respecto ao anterior período docente, o que en opinión do reitor permite falar dunha estabilización. Mentres que en 2006-2007 os matriculados por primeira vez ascendía a 5.526, un ano despois esta cifra aumentou até os 6.652.

Durante os dous últimos cursos promocionouse a utilización das TICs para a formalización da matrícula, mediante o sorteo de agasallos. Dese xeito chegouse, no curso que agora remata, a que preto do 60% do estudantado se matriculase por internet.

0 comentarios: