12 Lúas pon a disposición dos internautas o seu podcast

O proxecto galego 12 Lúas vén de habilitar na Rede o seu propio podcast. O obxectivo dos responsables desta iniciativa cultural e creativa de tipo aberto non é outro que achegar as súas propostas (e o espírito da cultura libre) aos iPods e reprodutores mp3 en xeral dos internautas galegos.

Os arquivos de audio que ficarán a disposición dos usuarios inclúen música, recitais poéticos, contos, entrevistas ou comentarios de cinema. A idea básica, tal e como nos conta Francisco Porto, un dos promotores da posta en marcha do caderno colectivo 12 Lúas, é tirar partido dos propios soportes polos que se transmite esta información, fomentando “a participación no colectivo e co colectivo”.

O único paso que teremos que dar para acceder aos arquivos sonoros é premer no logo de podcast habilitado no blog do colectivo. Neste intre, entre outras achegas, están dispoñibles no devandito caderno entrevistas e declaracións sobre proxectos culturais postos en marcha por esta fronte de artistas da nosa terra unidos arredor do espírito das Creative Commons (licenzas sen arela comercial).

Por exemplo: os datos referentes á realización do documental Galegas no mar, que se está a rodar en Malpica (na imaxe) en estreita colaboración coa Asociación de Redeiras O Fieital.

0 comentarios: