Librofilia.com


Librofilia.com, unha web que se está dando a coñecer e que inclúe serias posibilidades de crear comunidade e, todo iso, achegándolle aos lectores internautas unha base de datos de libros que arestora anda a rentes do medio millón de volumes.

Esta escolma de obras, que parte dos alicerces subministrados polo catálogo que ten o Ministerio de Cultura de obras publicadas en español, está suxeita (como boa rede social en liña que é) ás incorporacións que desexen facer os usuarios do servizo en cuestión. Librofilia.com, que comparte un pouco o espírito de Filmaffinity (web na que se substituíu a figura do crítico único facilitando unha soa crítica por película pola dunha comunidade de seareiros do cine subministrando cualificacións que logo se converten en promedios), leva só un mes en aberto, pero xa conseguiu deixar atrás a cifra do milleiro de usuarios rexistrados. Na páxina web, como se pode supoñer, non só é posible levar a cabo votacións ou propostas de libro para que os demais acheguen os seus propios puntos de vista, senón tamén deixar notas persoais nos libros, participar en foros ou entrar en contacto con persoas cos mesmos gustos.

0 comentarios: