Igalia pon en marcha a segunda edición do Máster de Software Libre


Igalia, empresa galega do sector TIC, colabora coa Universidade Rey Juan Carlos na organización da segunda edición do Máster de Software Libre promovido por Caixanova. O máster capacita para dirixir, analizar e participar en proxectos de software libre de ámbito internacional e liderar proxectos de liberación, desenvolvemento e publicación de software libre.

Esta opción conta cunha crecente demanda por parte de empresas e administracións públicas, concienciadas cada vez máis pola oportunidade que supón o código aberto en canto á mellora en produtividade e redución de custos.

Trátase dun programa que combina a visión académica da Universidade Rei Juan Carlos, con ampla experiencia na participación de proxectos de I+D europeos baseados en software libre, e a visión empresarial de Igalia, compañía galega de organización cooperativa, que conseguiu consolidarse como referencia na oferta de software libre desde Galicia para o mundo e na aposta por GNOME, o principal proxecto a nivel mundial para crear aplicacións baseadas en código aberto que xa é asumido polas principais empresas do sector TIC.

O programa docente do máster desenvolverase durante o próximo curso académico e impartirase venres e sábados a partir do próximo mes de outubro no Centro Social Caixanova de Vigo. O plan de estudos ten un enfoque práctico-técnico e oriéntase a recentemente titulados e profesionais da área da enxeñaría superior e técnica das Telecomunicacións, Informática ou Industrial e, en xeral, a todos os titulados superiores que teñan os coñecementos informáticos precisos para alcanzar os obxectivos do máster, que se plasmarán nun proxecto final de carácter práctico dirixido por un titor. Os impresos de solicitude pódense descargar desde a web de Caixanova (www.caixanova.es) e desde www.mastersoftwarelibre.com e poden entregarse cumprimentados en calquera das sucursais da entidade financeira.

A Fundación Caixanova asume un custo da matrícula do máster. Ademais unha serie de entidades e empresas colaboradoras como o Cenatic (Centro Nacional de Referencia de Aplicación do TIC), Mancomún (Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia, dependente da Consellería de Innovación e Industria), a propia Igalia, e-Box Technologies, Telefónica I+D ou Trabe Solucións ofrecen bolsas e prácticas remuneradas aos alumnos. Existe tamén a posibilidade, ofrecida por Caixanova, de obter unha liña preferente de crédito para financiar o importe do máster.

0 comentarios: