Xeito Novo ofrece cursos gratuítos en liña para empresarios galegos en Arxentina

A Fundación Xeito Novo e (en labores de financiamento) a Fundación Galicia Emigración están a presentar estes días unha iniciativa de ensinanza en liña encamiñada a favorecer o día a día das empresas de orixe galega que desenvolven a súa tarefa en Arxentina. Máis polo miúdo, o Proxecto Formación Galicia Exterior (así é como se denomina o programa educativo) ten o obxectivo de tirar partido das novas tecnoloxías dixitais para difundir os coñecementos elementais que permitan seguir incentivando o intercambio de información, produtos e tecnoloxías entre Galiza e o dito país.

O proxecto consta de dúas actividades concretas con feitura de cursos a distancia e dunha plataforma de teleformación específica habilitada para o seu desenvolvemento. Os dous cursos programados, que son de balde, son os seguintes: Comercio Exterior (de 60 horas, orientado a dar a coñecer as claves para abrirse camiño no mercado exterior) e Desarrollo de un Proyecto Empresarial (de 80 horas, dirixido a achegar unha serie de conceptos chave para a xestión da empresa).

As persoas interesadas en participar nestas actividades terán que ter a nacionalidade española. Para a inscrición e matriculación é preciso achegar a fotocopia do pasaporte español ou o documento de identificación que corresponda á seguinte conta de correo electrónico: secretaria@xeitonovo.org.ar.

0 comentarios: