Saramago estrea blog cunha alta afluencia de visitantes

O Premio Nobel portugués de Literatura, José Saramago, autor de obras como Todos os nomes, Cadernos de Lanzarote ou A viaxe do Elefante, vén de afianzarse de cheo nas novas tecnoloxías (que, por certo, lle veñen como anel ao dedo para dar renda solta á súa característica imaxinación) coa estrea dun blog propio no que se achega máis (e mellor) aos seus lectores e da a coñecer o seu peculiar estilo entre os bitacoreiros da Rede.

O propio Saramago recoñece que este novo xeito de interactuar cos seus seguidores vaille permitir “comentar acontecementos, expresar opinións, reflexionar en voz alta e comportarse como un blogueiro máis dos que abondan no ciberespazo”, dun xeito máis directo e intuitivo, a través da páxina oficial da súa fundación ou da ligazón directa: blog.josesaramago.org.

O blog, que pode visitarse en portugués, inglés e español, xa conta con dúas entradas asinadas polo escritor así como con diversas novas relacionadas co seu traballo e co transcorrer do seu día a día.

A bitácora contén, asemade, unha presentación con fotos de Lisboa de Luis Pavao e a música de Carlos Paredes, que fai máis amena, se cabe, a visita do blog.

0 comentarios: