Innovación e Industria publica as subvencións do programa Concellos Dixitais

O DOG deste martes 11 de novembro publica a resolución do 31 de outubro da Consellaría de Innovación e Industria que publica as subvencións concedidas dentro do programa Concellos Dixitais 2008-2009, no marco do PEGSI e do Plan Avanza.

A Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, destina un crédito máximo de 100.000 euros para o ano 2008 e de 1.000.000 de euros para o ano 2009. Complétase o financiamento coa achega do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, que transferirá á Comunidade Autónoma o importe de 1.270.245,00 € para o ano 2008.

As axudas acadan como máximo dende o 55% até o 90% dos investimentos subvencionables recollidos na solicitude, en función da poboación de dereito do concello solicitante. Así, hai unha grupo dedicado a cidades de 35 mil habitantes, que contou cun total de 236.000 euros en subvencións concedidas para 2008 e 2009; outro formado por concellos de 10.001 a 35.000, con 527.000; un terceiro para municipios de 5.000 a 10.000, aos que se lles concederon 772.000 euros en total, e outro para os concellos de menos de 5.000 habitantes, cun total de 813.782 euros.

Os investimentos totais superan o 1,020 millóns, no caso dos concellos máis pequenos; os 1,010 millóns, para os de entre 5.000 e 10.000 habitantes; 938.000 euros, para os de máis de 10.000 habitantes, e 574.000, para as cidades superiores a 35 mil habitantes.

A natureza dos proxectos subvencionados foi de 22 relacionados coa e-administración, 29 planos directores e 29 de tipo mixto, relacionados habitualmente co turismo. En total, foron 80 proxectos de 75 concellos, dos que 35 proxectos beneficiaron a concellos menores de 5.000 habitantes, 23 aos de 5.000 a 10.000, 15 aos de 10.001 a 35.000 e 7 ás grandes cidades.

DOG

No Diario Oficial de Galicia publícase a relación de beneficiarios das subvencións de cooperación con entes locais en materia de sociedade da información, que contan co cofinanciamento do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. A relación pódese consultar na táboa do Anexo I deste arquivo PDF. Así mesmo, os solicitantes poden obter información detallada da resolución accedendo ao taboleiro electrónico da Consellaría de Innovación e Industria.

Para o acceso ao contido do taboleiro electrónico, cada solicitante deberá introducir o código electrónico situado na parte inferior esquerda das follas da solicitude ou, de ser o caso, facilitado por esta dirección xeral, o que garante a intimidade do acceso á información.

0 comentarios: