Querote.org fai reconto do acadado ao longo dos seus dous primeiros anos de vida


A Rede Galega de Centros de Asesoramento Afectivo-Sexual, Quérote, vén de dar conta do total de consultas que atendeu a través da súa páxina web dende a súa posta en funcionamento hai dous anos.

O número de mozas e mozos galegos atendidos por Quérote.org ao longo deste tempo foi de 5.000 en toda Galiza, unha cifra que pon de manifesto o éxito acadado por este servizo posto en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude para cubrir as necesidades da xuventude galega en materia de información afectivo-sexual.

A meirande parte das consultas rexistradas a través da web foron realizadas por mulleres (un 69 por cento) e o grupo que máis consultas fixo por idades foron os mozos e mozas de entre 16 e 20 anos (46 por cento), seguido dos grupos de entre 11 e 15 anos e de entre 21 e 25 anos.

Segundo indicaron os seus responsables, isto pon de manifesto que, polo xeral, “é o sector máis mozo da poboación o que escolle a consulta a través da web, mentres que as persoas de máis idade prefiren achegarse persoalmente aos centros da Rede Quérote para expoñer as súas dúbidas”.

Este sistema electrónico garante o acceso igualitario de todas as persoas á información afectivo-sexual, independentemente do lugar no que residan e da hora que o soliciten polo que é unha ferramenta ideal para aqueles usuarios que non dispoñan dun centro Quérote na súa localidade ou que non teñan horarios axeitados para acudir de xeito presencial.

Resposta en 48 horas

A Rede de Centros Quérote atende as consultas tanto de xeito presencial como a través da súa web, medio este último que se erixiu como o máis empregado polas persoas que solicitan información. De feito, o 60 por cento das consultas recibidas no primeiro semestre deste ano foron a través da web.

A confidencialidade, a rapidez na resposta, a profesionalidade e o acceso e gusto da xuventude polos medios tecnolóxicos converten á consulta electrónica no medio máis valorado á hora de facer consultas arredor de sexualidade.

O sistema de consulta comeza cando unha persoa envía unha pregunta a través da web www.querote.org, a páxina xera unha clave que se remite automaticamente á persoa que realiza a consulta, unha clave coa que logo poderá consultar a súa resposta na propia web. Só os profesionais e a persoa que realizou a pregunta terán acceso ao contido da resposta que se emite, como moito, 48 horas despois de terse realizado a consulta.

0 comentarios: