O Parlamento Europeo presenta un novo programa a prol dunha internet máis segura

O Parlamento Europeo aprobou, cunha gran maioría, o lanzamento dun programa a prol dunha internet máis segura. O programa terá unha duración de cinco anos (de 2009 a 2013) e unha dotación orzamentaria de 55 millóns de euros.

A proposta, aprobada en febreiro pola Comisión Europea, pretende loitar contra os contidos ilícitos na rede e contra os comportamentos ilícitos e prexudiciais, como a manipulación psicolóxica ou o acoso electrónico. O programa para unha internet máis segura é unha continuación do precedente, posto en marcha en 2005, e ampliarase a outros servizos que xurdiron dende aquela, como as redes sociais.

Financiará proxectos de sensibilización de nenos, pais e profesores, os que poñan puntos de contacto de denuncia de contidos e comportamentos ilícitos, principalmente os de tipo pedofílico, os que promovan iniciativas de autorregulación e que estabelezan unha base de coñecemento sobre os riscos das novas tecnoloxías e o seu uso axeitado.

Este programa é un dos contidos que se inclúen na última edición do boletín de actualidade europea da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Económico de Galicia, que se vai recompilando na web do Observatorio Galego da Sociedade da Información, no enderezo http://ogsi.sociedadedainformacion.eu/actualidade_europea2008/. Alí pódense consultar todos os números e descargalos en formato PDF.

0 comentarios: