Un colectivo ferrolán imparte un obradoiro de risoterapia a través das TIC

Uns obradoiros de risoterapia postos en marcha pola Asociación Socio-Cultural de Minusválidos de Ferrol (ASCM) están a empregar as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) como método para aliviar estados depresivos en persoas, maioritariamente, con discapacidades sensoriais.

Segundo informa a axencia Europa Press, a psicóloga que imparte os obradoiros, Beatriz Dorrío, asegura que a innovación servirá para romper os pensamentos obsesivos que existen en cada un dos participantes "e desconectar dos seus problemas". O uso dos recursos TIC é "un medio de liberar a risa sincera, que achega beneficios fisiolóxicos, psicolóxicos, emocionais e sociais".

O obxectivo é que, cando un dos participantes "entre nunha situación de rumiación, envíe unha mensaxe de texto simpática" mediante o teléfono móbil a outro dos asistentes aos obradoiros para "sacarlle ferro a ese problema e arrancar un sorriso propio e alleo".

Segundo a psicóloga, con ese sistema prolónganse os efectos da terapia fóra dos talleres e permite que os usuarios sigan interconectados e retroalimenten as súas emocións, para evitaren car en episodios de ansiedade ou depresión.

Dorrío afirmou que "este sistema funciona" e que o obxectivo "é dar un paso máis e abrir a risoterapia TIC a todo o mundo".

0 comentarios: