A XIII Noite Galega das Telecomunicacións estará dedicada á tecnoloxía espacial

Este venres de novembro terá lugar a XIII edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. A gala, punto de encontro dos profesionais das telecomunicacións, da sociedade da información e das TIC, desenvolverase no Gran Hotel Hesperia da Toxa.

O acto, organizado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, estará presidido polo xefe do Executivo, Emilio Pérez Touriño. Prevese que se superen as marcas das anteriores edicións, e que asistan máis de 300 profesionais do sector TIC.

O evento presentárono o secretario xeral do COETG, Ramón María Lois Santos, o xerente do Colexio, Ricardo Fernández Fernández, a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, e o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias.

O programa deste ano irá dedicado ás Telecomunicacións e o Espazo. Así, a xuntanza abriraa o cosmonauta da Federación Rusa Sergei Krikalev, que ten o récord de permanencia e paseos no espazo, con 803 días, 9 horas e 39 minutos e 8 paseos espaciais. Foi considerado por moitos o "derradeiro cidadán da URSS", dado que pasou, entre 1991 e 1992, 311 días a bordo da estación Mir mentres na Terra se derrubaba a Unión Soviética.

Esta primeira reunión, á que asistirán representantes do sector espacial, tecnolóxico e colexiados, terá lugar no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, o venres ao mediodía. Xa pola tarde, na Toxa, haberá unha mesa redonda sobre a Industria Espacial e as Telecomunicacións, con empresas tecnolóxicas galegas, integrantes do sector espacial a través de representantes da asociación Proespacio e enxeñeiros de telecomunicación do COETG.

Deseguido, dará comezo a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información: as Telecomunicacións e o Espazo. Durante o acto, entregaranse as tradicionais distincións anuais, compostas polos Premios Galicia das Telecomunicacións (Premio á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC, patrocinado pola Fundación Ingeniero Gerardo García Campos; Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais e Premio á Mellor Aplicación TIC), pola distinción do Socio de Honra do COETG e polo recoñecemento ao Enxeñeiro do Ano.

Así mesmo, Sergei Krikalev recibirá unha placa conmemorativa a modo de distinción ao Mérito Científico e Tecnolóxico Global 2008 en recoñecemento ao programa espacial da Federación Rusa.

No acto estará tamén Barry Reynolds, presidente da Federación de Enxeñeiros de Telecomunicación dos Estados Membros da Unión Europea, quen anunciará a escolla de Galiza como punto de encontro para desenvolver o congreso FITCE 2010, coincidindo co Ano Xacobeo.

Premios
Este ano o Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial TIC outorgaráselle á empresa Wireless Galicia, en recoñecemento ao esforzo nos labores de I+D no campo das TIC aplicadas a proxectos de interese sociosanitario, así como á traxectoria e proxección da empresa. No tocante á Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, o premio recaeu na iniciativa Taboleiro Dixital, un proxecto dirixido pola directora do Centro de Educación Especial Rexional de Xordos de Santiago, Fátima García, quen será a encargada de recoller o galardón, en colaboración co director da ETSET da Universidade de Vigo, José María Pousada.

A empresa Bit Oceans Research fíxose co premio á Mellor Aplicación TIC coa proposta Fividoc, unha iniciativa contra a falsificación documental. Por outro lado, o COETG e a AETG concedéronlle o premio de Enxeñeiro do Ano ao director xeral de Sistemas Audiovisuais Itelsis, Gerardo García Alvela, a súa aposta persoal pola defensa do patrimonio industrial de Galicia no sector TIC.

0 comentarios: