Carballo acolle conferencias sobre administración electrónica

O Concello de Carballo, coa colaboración do Plan Avanza e da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, organiza esta semana as súas primeiras xornadas sobre administración electrónica, enmarcadas no programa Carballo porta aberta. Serán, en total, dous días de relatorios en que se darán a coñecer os novos proxectos de administración dixital do concello.

A xornada do mércores 3 de decembro está dedicada á administración dixital e conectividade. Despois dunha apertura a cargo de representantes do Goberno e da Consellería de Innovación e Industria, danse a coñecer, en primeiro lugar, os servizos de administración electrónica do Concello de Carballo.

Ao longo da mañá presentaranse o servizo Carballo SMS, o DNI electrónico e un proxecto de conectividade a internet por banda larga. A segunda metade da xornada matinal estará dedicada a coñecer as leis de Servizos da Sociedade da Información e de Acceso Electrónico, ademais dos servizos de administración dixital da Xunta de Galicia.

Pola tarde do mércores, permitirase que os usuarios se dean de alta no servizo de Administración Electrónica do Concello de Carballo, con recollida de agasallos.

O xoves 4 estará dedicado á xestión territorial, dinamización e formación. Presentarase a Guía Municipal e Urbamap, a xestión urbanística de Carballo. Seguiranlles demostracións sobre a xestión de ocupacións da vía pública e do mobiliario urbano a través das TIC e mais a xestión das incidencias no mobiliario urbano co uso de dispositivos móbiles.

A segunda parte da sesión irá dedicada aos novos proxectos tecnolóxicos do concello carballés, a unha presentación dos pagos online coa plataforma Red.es, e darase a coñecer a Rede de Dinamización da Sociedade da Información e o telecentro de Carballo. Ás dúas da tarde procederase á clausura das xornadas e entregaranse os trofeos das primeiras Olimpíadas Tecnolóxicas de Carballo, actividade que se desenvolveu do 28 de novembro ao 3 de decembro.

0 comentarios: