Unhas xornadas europeas buscaranlle solucións á fenda dixital

Erisa, a Asociación Rexional Europea da Sociedade da Información, organiza, con motivo do seu décimo aniversario, un obradoiro aberto sobre 'Banda larga rexional: a obriga de servizo universal e o acceso de nova xeración, discusión sobre tendencias futuras'. Desenvolverase do 9 ao 10 de decembro en Bruxelas.

As xornadas pretenden acabar coa nova fenda dixital que fai que máis dun terzo da cidadanía europea non poida acceder aos beneficios da Sociedade da Información, polo custo, falta de educación, discapacidade ou idade. Ademais, as redes de banda larga, por ADSL, cable ou fibra óptica, non están ao alcance de todo o mundo.

Segundo os cálculos do informe do foro da fenda dixital, no ano 2013 haberá, cando menos 4,7 millóns de persoas na UE excluídas das redes de banda larga, polo que recomenda "a intervención pública" como algo "desexábel ou necesario". A Comisión Europea abriu o debate de se a definición de obriga de servizo universal se debe estender a banda larga "básica".

E, a pesar de que a fenda dixital segue a medrar, a tecnoloxía continúa a progresar. Xorden redes de nova xeración de banda moi larga. Esas novas redes terán moito impacto na competitividade, tendo en conta que Europa xa está por detrás dos Estados Unidos e de Asia. O obradoiro achegará relatores expertos neses campos e dará a oportunidade de escoitar os seus puntos de vistas e de debater con eles en coloquios e en mesas redondas.

0 comentarios: