O novo centro da Rede de Dinamización en Camariñas estréase hoxe ás 11.30 horas

Ademais entrégase o premio do apartado de "Maiores" do II Concurso de Iniciativas da Rede, no que se alzou co galardón "Outros fíos na Rede"

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información é hoxe protagonista en Camariñas por un dobre motivo: por unha banda, farase entrega neste concello dun dos premios do II Concurso de Iniciativas da Rede, o correspondente á categoría de "Maiores", no que se alzou vencedor o proxecto "Outros fíos na Rede". Ademais, o de hoxe é un día de estrea, posto que a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria, en colaboración co concello de Camariñas, inauguran un novo centro para a Rede.

O novo espazo situarase no Centro de Iniciativas Empresariais da rúa Do Río do Prado, s/n, no primeiro andar. Tras o acto de apertura deste, que será ás 11.30 horas, procederase á entrega de premios ás 12, no Salón de Actos da Casa da Pedra (praza de Insuela, s/n). Nesta estarán presentes Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Sandra Insua, tenente de alcalde de Camariñas, Sergio Caamaño, concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Encaixe, Turismo e Traballo e Mª del Carmen Linares, edila de Servizos Sociais, Igualdade e Saúde.

Neste acto recibirán o seu galardón os credores do proxecto "Outros fíos na Rede", un blog onde os seus creadores, todos maiores de 60 anos, escribiron ao longo do mes de maio as súas lembranzas e reflexións sobre algo ben coñecido por todos eles: o encaixe. O obxectivo do proxecto, como ben recolle o seu nome, era pór as Novas Tecnoloxías ao servizo dunha tradición con tanto arraigo na zona. O dinamizador responsábel da iniciativa, Óscar Fernández Clapés, recibirá tamén o seu premio correspondente.

E no que respecta ao novo centro da Rede na vila, cabe destacar que estará equipado coa tecnoloxía máis avanzada e integramente con software libre. Un total de dez ordenadores, unha cámara fotográfica dixital, un retroproxector, unha impresora láser, unha impresora a cor, un escáner, diversas webcams e nove lectores de DNI estarán dende hoxe mesmo á disposición de toda a poboación que precise e desexe utilizalos.

Esta nova apertura débese ao éxito colleitado pola Rede de Dinamización desde que se iniciara a súa actividade en Camariñas, en xaneiro do 2007. Desde esa data puxéronse en marcha 29 obradoiros ao longo dun total de 295 horas, nos cales participaron máis de 148 usuarios/as, sendo un 57% mulleres. Os obradoiros, na súa maioría, estiveron destinados a proporcionar un achegamento básico ás Novas Tecnoloxías a través da alfabetización dixital, aínda que tamén se realizaron outros obradoiros sobre ocio e servizos da Rede ou ofimática. Estes datos reflicten a boa acollida que tiveron as actividades programadas pola Rede de Dinamización da Sociedade da Información neste concello, que hoxe inaugura unha nova aula para seguir por este bo camiño de achegar as Novas Tecnoloxías á poboación. Tamén resulta ilustrativo o feito de que, á marxe destas actividades, houbese máis de 280 usuarios/as que empregaron as instalacións de xeito libre, para levar acabo xestións particulares ou actividades de índole académica, entre outros.

0 comentarios: