A Consellería de Innovación e Industria presenta Galinux, un sistema operativo libre, gratuíto e en galego


Nos diferentes puntos da Rede de Dinamización estarán dispoñíbeis copias do sistema, que tamén se pode descargar xa de balde desde a páxina web de Mancomún

Xa é posíbel traballar nun ordenador completamente en galego, grazas a Galinux, un sistema operativo libre e no noso idioma. O novo sistema nace dunha iniciativa da Consellería de Innovación e Industria a través do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia, Mancomún, en coordinación coa comunidade galega de software libre.

Galinux xa está á disposición de todos aqueles usuarios que desexen instalalo na páxina na Internet de Mancomún (http://galinux.mancomun.org). Ademais, repartiranse por toda Galicia 5.000 copias en CD. Delas, unhas 2.500 distribuiranse a través de case cen puntos distintos, entre os que se atopan aqueles pertencentes á Rede de Dinamización da Sociedade da Información, así como diversas asociacións e oficinas de software libre.

O novo sistema non require ningunha modificación para ser probado no computador, xa que pode executarse dende un CD ou un USB sen necesidade de ser instalado no ordenador, e tampouco require coñecementos técnicos específicos. Galinux baśease en Ubuntu, a distribución de Linux, e poderá ser actualizado de xeito periódico sen ningún custo. Ademais de todas as funcións típicas dun sistema operativo, inclúe aplicacións como o navegador Firefox, as aplicacións ofimáticas incluídas no OpenOffice (follas de cálculo, presentacións multimedia ou editor de textos), un programa de mensaxería instantánea, reprodutores de son e vídeo e, entre outros, un corretor ortográfico en lingua galega.

A importancia de Galinux, como sinalou na súa presentación ao público o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, é que ademais de ofertar a posibilidade de traballar en galego, axuda a potenciar o software libre. Deste xeito créanse oportunidades no actual panorama de crise económica a través da innovación empresarial, a internacionalización, a competitividade e o potenciamento do sector das TIC.

A Consellería de Innovación está a apostar forte nesta dirección, e entre os anos 2008 e 2009 vai dirixir un total de 2,3 millóns de euros a iniciativas de software libre. Este esforzo vese reflectido nos datos do INE do mes de outubro, que sitúan a Galicia como líder de implantación de sistemas operativos gratuítos nas PEMES a nivel estatal: mentres que a nivel do Estado a media se sitúa nun 7,8%, no noso país a cifra sobe ata un 8,2%. E atendendo aos datos do Observatorio Galego da Sociedade da Información, son xa un terzo das PEMES galegas as que dispoñen dalgún tipo de software libre, que se incrementou nun 48% no último ano e que se viu triplicado dende o 2006. Outro punto importante a salientar é que este avance prodúcese especialmente nas pequenas empresas.

Esta aposta polas tecnoloxías libres e os estándares gratuítos é un paso imprescindíbel de cara a implantación dun sistema sustentábel para acadar un desenvolvemento social e económico baseado nas TIC, así como para o avance cara a independencia tecnolóxica, tal e como se explica no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información. En último termo, Galinux nace para dar resposta a unha necesidade crecente nos últimos tempos: a de poder traballar cun computador integramente en galego.

0 comentarios: