Biodiversidade virtual


Biodiversidadevirtual, un proxecto do que se dá conta estes días na Plataforma SINC e que consiste basicamente nunha gran base de datos (con face na web) sobre o medio natural na que se recompilan e catalogan fotografías de especies animais e vexetais realizadas por fotógrafos, naturalistas e seareiros voluntarios. O portal, segundo explica un dos seus responsables na dita plataforma, é un portal do noso tempo: aberto na súa integridade á participación. Esta vontade de ampliar o laboratorio até onde sexa posible tradúcese basicamente no seguinte: calquera fotógrafo afeccionado pode poñer a súa pedra no edificio. O único que se require, amais de non ir a ningures sen a cámara dixital, é respectar e querer á natureza. O resultado: estamos moi posiblemente ante a web participativa de temática natural de maior envergadura.
O modo de funcionamento do sistema é o seguinte: os usuarios, logo de facer o rexistro pertinente dos nosos datos, podemos subir e ver no servidor fotografías das plantas e animais que teñamos atopado nas nosas excursións.

A continuación, teremos que clasificalas como especie. Máis tarde, un grupo de traballo constituído por un centenar de científicos voluntarios levará a cabo o labor de revisión e concreción, até onde sexa posible na escala, “xa que ás veces a imaxe en si non permite o detalle”, di Ordóñez. Asemade, sinalar que tamén se vai tirar partido dos novos recursos de emprazamento no mapa dos achados: todas as imaxes aparecen xeolocalizadas, incluíndo datos sobre a latitude e altitude do sitio exacto onde se tirou a imaxe.

O proxecto, que non ofrece compensación económica polas achegas dos usuarios en xeral, incorpora tamén unha plataforma enciclopédica chamada Wikibv, onde se tira proveito do ronsel da Wikipedia pero cunha vontade máis específica de dar conta do coñecemento, neste caso o da natureza. Amais dos científicos que se encargan de facer as devanditas revisións, no proxecto participan arestora 1.200 fotógrafos, maquetadores e programados. Actualmente a base de datos ten xa 65.000 imaxes.

0 comentarios: