Exeria, nova ferramenta informática para promover a linguaxe non sexista


As persoas traballadoras da Administración xa dispoñen dunha ferramenta para promover unha linguaxe non sexista. Exeria é unha aplicación de código aberto que se integra no paquete ofimático OpenOffice.org. Desenvolvida a través do traballo das empresas Tagen Ata e Imaxin, foi froito da colaboración entre a Vicepresidencia da Xunta e a Consellaría de Innovación e Industria.

A encargada de presentar a nova aplicación foi a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, quen explicou que o obxectivo básico da ferramenta foi elaborar un dicionario ou glosario lingüístico de linguaxe non sexista para facilitar o uso dunha linguaxe non discriminatoria. Pero Exeria vai máis alá, e non é só un glosario, senón que analiza o texto, detecta termos susceptíbeis de uso sexista e ofrece até cinco alternativas.

Obxectivos

O obxectivo da aplicación foi servir de orientación na revisión de documentación para xerar discursos en que a linguaxe sexa de carácter inclusivo. Tagen Ata desenvolveu a ferramenta a través da análise de textos do ámbito da Administración, para ter en conta o uso actual da lingua. O carácter aberto de Exeria permite que toda a comunidade se beneficie do desenvolvemento. Ademais, intégrase en OpenOffice.org para permitir a análise directa dos textos á hora de elaborar documentos.

En principio, inclúe os mil termos máis empregados no eido administrativo, que poden dar até máis de 129 millóns de combinacións. O repertorio irá ampliándose coas suxestións que faciliten as persoas usuarias a través da web de Exeria. Nese mesmo enderezo pódese descargar o software para GNU/Linux, Windows e Mac, ademais do código fonte.

Entrevista a Carme Adán

Despois do acto de presentación, Carme Adán explicou que as novas tecnoloxías son "grandes aliadas da igualdade", e é unha idea "recollida en todos os plans do goberno nacionalista da Xunta". Ademais, a aplicación permítenos "descubrir o uso sexista que se fai da linguaxe" e demostrar que "é posíbel facer un uso da linguaxe administrativa non sexista".

As TIC, segundo a secretaria xeral, "tamén contribúen ao labor das mulleres", mediante o teletraballo, por exemplo, e xa se levaron a cabo "ordes de axudas para combater a fenda dixital que lles afecta ás mulleres nas novas tecnoloxías. Fíxose un esforzo moi importante para superar esa fenda dende a Consellaría de Industria", con accións dirixidas a mulleres maiores e do rural a través da dinamización e a "alfabetización dixital".

Outro exemplo da contribución que as TIC están a facer a prol da igualdade é o "uso telemático da administración", que permite "avanzar máis a prol da igualdade, pois unha parte moi importante das usuarias da administración son mulleres", ademais da súa vertente ecolóxica, pois permite un "aforro moi importante de papel. Hai que desenvolver unha administración telemática en función das persoas usuarias".

Exeria é unha aplicación libre, polo que permite a "democratización do coñecemento, e que se difunda porque é obriga da Administración usar unha linguaxe non sexista". Tamén salientou o esforzo innovador e investigador no eido lingüístico que se tivo que levar a cabo para etiquetar e clasificar os termos non sexistas.

0 comentarios: