Compostela avanzará en servizos para os cidadáns e na implantación de software libre

O Concello de Santiago de Compostela continuará avanzando no acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos a través de proxectos que se concretarán a través de 2 plans directores que darán como resultado unha maior accesibilidade e navegabilidade do web municipal, da intranet do Concello, a integración das aplicacións informáticas que usa e unha serie de proxectos específicos segundo explicou Rosa Fernández Somoza, concelleira de Reforma Administrativa.

Estas medidas procuran o seguimento da Lei de Acceso Electrónico, e nunha primeira etapa farase un inventario e un estudo de viabilidade de adaptación das aplicacións informáticas de xestión, das bases de datos, dos sistemas informáticos e de telecomunicacións, do portal web e da intranet, para o que contan cun orzamento de 12.000 euros. A continuación deseñarase un sistema informático e un plan de acción que entre outras cousas permitirá crear un sistema de información municipal integrado e capaz de crear novos servizos cara os cidadáns.

Aparte deste mencionado plan director, tamén existe outra liña de traballo na que buscarán a implantación de software libre en todos os ámbitos do sistema informático, especialmente de cara aos servizos públicos, para o que se realizarán os pertinentes estudos e desenvolvementos.

0 comentarios: