As mulleres lideran a demanda de formación en liña


Segundo unha análise presentada polo buscador de cursos en Internet, Infocurso.com, o colectivo femenino e as persoas que ostentan estudos secundarios e superiores “son os que lideran as procuras de formación en liña na actualidade”.

O estudo realizado por Infocurso indica que as mulleres encabezan a listaxe de grupos sociais “máis proclives” a buscar formación na Rede, cun 60 por cento de usuarias, fronte ao preto do 49 por cento dos homes.

Asemade, a meirande parte dos usuarios desta web son “persoas cun nivel de estudos secundarios no 36 por cento dos casos, cunha licenciatura no 33 por cento e cunha diplomatura no 20 por cento do total”.

Por tipoloxías, os estudos que espertan máis interese entre os e as internautas son os másters, cun 49 por cento de solicitudes de información, seguidos da preparación para as oposicións (17 por cento) e os cursos para desempregados (6 por cento).

En canto á modalidade, a formación a distancia é a máis solicitada cun 47 por cento; fronte ao 29 por cento dos cusos presenciais e o 19 por cento dos cursos en liña.

Finalmente, por temática, os responsables do estudo realizado por Infocurso informan que a formación relacionada coa informática é a que ocupa o primeiro posto, co 13 por cento de solicitudes, seguida do ámbito da saúde e a veterinaria, cun 13 por cento e a educación cun 6 por cento de solicitudes de información.

0 comentarios: