A Coruña acolle unha xornada sobre comercio electrónico para empresarios

O vindeiro xoves 29 de xaneiro, terá lugar na Coruña, unha xornada sobre comercio electrónico, que organiza AECEM para fomentar o emprego das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na nosa comunidade.

O crecemento do comercio electrónico en España é, a pesares da crise económica que estamos a sufrir, unha proba da fortaleza da canle en liña e a súa importancia para o futuro da nosa economía.

A Asociación de Comercio Electrónico e Marketing Relacional (AECEM), vén de anunciar, a propósito disto, a celebración da devantida xornada, que reunirá a empresarios locais nunha serie de seminarios que versarán sobre o mercado en liña, os produtos máis demandados na web, os elementos dunha tenda electrónica, os medios de pago…

Esta mesma actividade terá lugar noutras 10 cidades españolas, o que permite que os profesionais interesados poidan achegarse persoalmente e coñecer, da man de expertos especializados, as ferramentas necesarias para comezar a operar a través de Internet.

Os empresarios galegos poderán beneficiarse o vindeiro xoves deste programa, intercambiando experiencias e familiarizándose coas TIC de xeito natural. A xira complementarase coa publicación dun Libro Blanco do Comercio Electrónico, unha guía práctica de balde para pequenos empresarios.

0 comentarios: