O BOP da Coruña xa non se imprimirá en marzo

Será o primeiro diario oficial do país en abandonar o formato papel e facer oficial a versión en liña. Impartiranse cursiños para familiarizar as persoas usuarias.

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña será o primeiro do país en abandonar o papel. Dende o mes de marzo, a consulta e xestión da publicación formalizaranse exclusivamente a través da internet. A versión dixital terá validez xurídica e servirá de forma de acceso universal e gratuíto.

O diario coruñés naceu o 1 de xullo de 1835 e comezou a pendurarse da web da Deputación da Coruña en 1998. Dende aquela, ten unha media de case medio millón de consultas mensuais. Pola súa banda, a edición en papel foi descendendo a súa tiraxe, dende os dous mil exemplares diarios de 1998 aos 500 de hoxe. Polo de agora, a garantía xurídica outórgaselle só á versión impresa.

Iso cambiará no mes de marzo. Ademais, a versión web fará máis doada a consulta dos textos e estará accesíbel para persoas con discapacidade. Poderanse, tamén, encargar subscricións, mais a través do correo electrónico, de balde e sobre temas escollidos previamente. A deputación calcula que se aforrarán 48 toneladas de papel ao ano, o que equivale á tala de 150 árbores.

Para garantir que o funcionariado e os usuarios do boletín poidan seguir accedendo ao mesmo, vaise desenvolver unha campaña de información e formación en diferentes comarcas da área de influencia da deputación. Aínda así, editaranse catro exemplares de cada edición para a súa conservación e custodia documental.

A deputación coruñesa segue, así, os pasos iniciados no Estado Español pola Generalitat Valenciana, que deixou de publicar en papel o seu Diari Oficial en 2007; despois pola Generalitat de Cataluña, que fixo o mesmo coa súa publicación o 30 de xuño do mesmo ano, e o goberno español, que deixou de imprimir o Boletín Oficial do Estado o pasado 1 de xaneiro

0 comentarios: