O Concello de A Coruña e Red.es presentan o proxecto Urbanismo en Rede


A tenente de alcalde responsable da área de Urbanismo de A Coruña, Mar Barcón, e o Director de Planificación de Programas de Red.es, Francisco Javier García Vieira, presentaron o desenvolvemento do proxecto piloto realizado por técnicos municipais do Concello dentro do proxecto Urbanismo en rede.

Este proxecto piloto permítelles a todos os usuarios obter información urbanística de forma inmediata e personalizada a través da páxina web do Concello, o que supón un paso máis no impulso á Administración electrónica, a aplicación das tecnoloxías da información na tramitación administrativa e a transparencia na información á cidadanía.

A través deste novo desenvolvemento, os usuarios poderán acceder a toda a información urbanística que necesiten mediante dúas vías: premendo directamente sobre o mapa na zona que desexen ou introducindo datos concretos referidos ao planeamento do seu interese: distrito postal, referencia catastral, código urbanístico, coordenadas físicas ou o nome da zona que se quere consultar.

A web móstralle ao usuario todos os niveis de información dispoñibles sobre a parcela ou área do seu interese: clasificación, categorías do planeamento e cualificación do solo, e permitiralle descargarse a ficha urbanística completa. A información compleméntase con outros datos de gran utilidade como a información catastral. Ademais o novo desenvolvemento permitirá incorporando novas funcionalidades para facilitar aínda máis o acceso da cidadanía á información urbanística.

O proxecto piloto presentado hoxe é froito do programa Urbanismo en Rede promovido pola entidade pública empresarial Red.es, adscrita do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, xunto coa FEMP. Dada a complexidade inherente ao lanzamento dun programa destas características, Red.es determinou a necesidade de organizar un Foro de Expertos en Urbanismo e TIC no ámbito local, que permitiu acometer unha etapa previa de análise, definición e normalización urbanística e unha etapa posterior de posta en valor e verificación das recomendacións, de sistematización e solución técnica, nunha serie de proxectos piloto. A Coruña é o primeiro dos 15 municipios seleccionados que materializou o seu proxecto piloto.

0 comentarios: