O CESGA colabora nun proxecto europeo de axuda á mocidade en risco de exclusión laboral


A tecnoloxía galega avanzada en materia de informática estase a converter tamén nun xeito de botar abaixo atrancos físicos de comunicación e participación a todos os niveis. Un exemplo disto é o labor do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), que está arestora a participar –entre outros proxectos activos- como socio na iniciativa europea YES, unha proposta que, como o seu propio nome indica, ten moito de abrir portas no canto de pechalas. O proxecto YES, polas súas siglas en inglés Youth Employment Support, vai encamiñado a achegar novos formatos e recursos de aprendizaxe, favorecendo deste xeito a inserción laboral de mozos e mozas con risco de exclusión. Máis polo miúdo, diríxese a ampliar os coñecementos teóricos e prácticos de rapaces que non puideron completar os seus estudos obrigatorios ou que teñen algún tipo de diversidade funcional ou desvantaxe socioeconómica.

A achega galega neste proxecto europeo baséase concretamente na implantación e adaptación dun sistema de xestión da aprendizaxe construído sobre software libre. A idea é facer uso deste alicerce tecnolóxico para o desenvolvemento dos cursos piloto do proxecto YES a través da Rede.

O CESGA tamén contribuíu á iniciativa coa posta en marcha dun contorno de traballo colaborativo virtual co obxectivo de que os diferentes integrantes da proposta estean en disposición de compartir coñecemento e colaborar entre eles. Segundo informa o Centro de Supercomputación galego, o proxecto abrangue unha etapa de posta en práctica que vai desde novembro de 2007 a outubro de 2009. Esta iniciativa está coordinada por Die Berater (Austria), e nel participan organismos europeos procedentes dunha chea de países, tales como: Meter Silesia (República Checa), Local Mission Agenais and Albret (Francia), Training Centre of the Saxonian Economy (Alemaña), Reflexion Foundation Transfer (Países Baixos), Further Training Centre for the Saxonian Economy (Alemaña), Glotta Nova (Eslovenia) e o Centro de Supercomputación de Galicia (España).

O proxecto arestora

Arestora e segundo sinala a Consellería de Innovación, YES atópase nun dos intres máis importantes do seu desenvolvemento: na fase de aplicación práctica dos cursos piloto para o persoal responsable dos recursos humanos de case medio centenar de empresas (oito por cada país participante) de xeito simultáneo en Austria, República Checa, Francia, Alemaña, Países Baixos e Eslovenia. Cada un destes cursos consta de cinco módulos cunha temporalización cada un deles de 3 horas presenciais e 10 horas a través de e-learning. É dicir, a metodoloxía a utilizar para impartir a formación é o blended-learning (que, podería traducirse por aprendizaxe mixto). Os cinco módulos tratan sobre os seguintes aspectos: Perfil do persoal de recursos humanos; Lexislación nacional; Comportamento dos xoves; Habilidades sociais e Aspectos pedagóxicos.

0 comentarios: