A Rede de Dinamización da Sociedade da Información está de aniversario


Hoxe, xoves 22 de xaneiro, cúmprense os dous primeiros anos da súa posta en marcha

A Rede de Dinamización está hoxe de noraboa, pois cumpre dous anos en funcionamento. Nunha data simbólica coma esta é toda unha honra pórse a facer balance, posto que os datos que este achega son altamente positivos.

A Rede, a través dos/as seus/súas dinamizadores e dinamizadoras, pretende rematar coa fenda dixital que afecta aínda a moitos colectivos da sociedade galega. Con esta finalidade desenvólvense charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital de temática variada, adaptándose ás diferentes necesidades dos diferentes colectivos sociais tales como poden ser as mulleres, as persoas maiores, as persoas con discapacidade, a mocidade, as asociacións e as empresas. Todo isto de xeito totalmente gratuíto e ao alcance de toda a poboación galega.


Para a consecución de tales fins, a Rede de Dinamización está presente ao longo de toda a xeografía en 70 concellos galegos, nos que desenvolven a súa labor de alfabetización dixital os dinamizadores e dinamizadoras. A Rede chega así a todos os recunchos de Galiza, fixando os seus obxectivos, principalmente, naquelas zonas do rural con menos posibilidades de acceso ás Novas Tecnoloxías e nas que, polo tanto, o risco de exclusión da Sociedade da Información se fai máis evidente. E para os que non teñen un centro de dinamización próximo, existe tamén a posibilidade da formación a través da Internet en Novas Tecnoloxías, pois vense de pór en marcha un Plan de Teleformación para a Cidadanía no que se ofertan 18 obradoiros de temática variada. Quen así o desexe pode formalizar a inscrición desde esta mesma páxina, no banner situado na parte superior esquerda.


O rexistro de usuarios/as foi en claro aumento desde a posta en marcha da Rede. Se a finais do ano 2007 os/as usuarios/as rexistrados/as eran un total de 4.150, a día de hoxe son xa 19.101 usuarios/as os/as que fan uso das infraestruturas que a Rede pon á súa disposición. Por tanto, o número de usuarios/as seguiu unha liña ascendente posto que no último ano, os/as usuarios/as rexistrados case cuadriplicaron aos/ás que se deran de alta no primeiro ano de vida da Rede.


E no que respecta á actividade formativa, hai que dicir que no primeiro ano de vida da Rede, é dicir, en xaneiro de 2008, impartíranse un total de 1.070 obradoiros. Desde esa data até o día de hoxe, a este dato hai que sumarlle outros 2.755 obradoiros impartidos -entre xaneiro de 2008 e xaneiro de 2009-, o que eleva a cifra até un total de 3.825. Por tanto, no segundo ano de vida da Rede, a impartición de obradoiros case triplicou á do primeiro exercicio, achegando un crecemento indubidábelmente positivo neste aspecto, que sitúa en 43.081 o número de horas impartidas en obradoiros desde o comezo da Rede.

No referido ao total de persoas formadas pola Rede a través dos obradoiros a día de hoxe, un total de 24.627, cabe destacar que a súa gran maioría son mulleres. Esta tendencia, que se asentou xa desde os inicios da Rede, seguiuse mantendo constante até o día de hoxe. Se en xaneiro de 2008 participaran en obradoiros 4.165 mulleres fronte a 2.339 homes, os datos actuais son de 16.692 mulleres por 7.564 homes. Por tanto, a cifra de mulleres formadas pola Rede de Dinamización duplica á de homes que asistiron aos obradoiros.

Mais con estes datos na man, lonxe de acomodarse, o sentir da Rede de Dinamización é o de seguir traballando a prol da inserción da poboación galega na Sociedade da Información, obxectivo para o que seguirá destinando tódolos seus esforzos

0 comentarios: