Roteiros da Cultura Galega na internet

O Consello da Cultura Galega e a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información presentaron este xoves os Roteiros da cultura galega, unha plataforma web de roteiros culturais de Galiza. A iniciativa é o resultado do protocolo de colaboración asinado polas dúas entidades o pasado 27 de maio dentro dos obxectivos do PEGSI.

A plataforma, xa dispoñíbel no enderezo http://www.culturagalega.org/roteiros/,inaugúrana tres rutas relacionadas coas principais figuras do Rexurdimento: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Tecnicamente aparecen representados grazas a unha ferramenta baseada en Google Maps e en software libre, con abondosos elementos textuais, de audio, vídeo, imaxes e coordenadas GPS.

Os roteiros pódense consultar e imprimir segundo as necesidades das persoas usuarias e a plataforma permite a súa ampliación futura con novos roteiros. Segundo se indicaba no protocolo de colaboración, até agora non existían en Galiza webs que permitisen a cooperación entre entidades locais e autonómicas na creación de contidos culturais para a internet.

Os contidos están destinados á cidadanía galega con interese en coñecer o país en detalle no seu tempo de lecer, así como dotar dun marco de referencia ao persoal docente de primaria e secundaria para, por exemplo, organizar viaxes de estudos. Outra das posibilidades é diversificar o turismo de proximidade e mellorar o coñecemento do patrimonio local. A intención da Consellaría e do Consello da Cultura foi crear unha plataforma aberta contra a que puidesen interactuar as entidades locais, introducindo os seus roteiros nos seus sitios web nun formato estándar e flexíbel, e que os usuarios puidesen recibir esa información en múltiples formatos e dispositivos.

No acto de presentación participaron a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela; o presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, e o director do portal Culturagalega.org, Manuel Gago.

A aplicación cumpre con dous dos obxectivos do PEGSI, o referido á creación de software e contidos libres e o relacionado coa posta en valor na rede do noso patrimonio cultural e lingüístico. Colaboraron na súa elaboración as fundacións Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Curros Enríquez

0 comentarios: