Subvencións para accións de difusión, formación e desenvolvemento de contidos no ámbito das TIC

Prazo de presentación de solicitudes: até o 20 de febreiro de 2009
Organismo convocante: Consellaría de Innovación e Industria. Xunta de Galicia.

Obxecto da convocatoria: As subvencións, convocadas en réxime de concorrencia competitiva, teñen por obxecto impulsar a realización de actuacións de difusión, de sensibilización e formativas, así como promover a produción e difusión de contidos dixitais en lingua galega, relacionadas especificamente co desenvolvemento e implantación da Sociedade da Información na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan estratéxico galego da sociedade da información e o Plan Avanza.

Actuacións subvencionables:

Liña A: Actuacións de promoción e difusión da sociedade da información.

Poderán ser subvencionables os proxectos encamiñados á organización e celebración de eventos neste ámbito, tales como xornadas, sesións de demostración práctica do uso da internet, conferencias ou congresos de profesionais especializados, que teñan por obxecto a promoción e difusión de materias relacionadas coas infraestruturas e servizos de telecomunicacións e as tecnoloxías da información e a sociedade da información en xeral.

Liña B: Actuacións formativas dirixidas á cidadanía en xeral.

Poderán ser subvencionables as actuacións orientadas a satisfacer as necesidades formativas no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións da cidadanía en xeral.

Liña C: Actuacións formativas especializadas, no ámbito das TIC.

Poderán ser subvencionables as actuacións orientadas a satisfacer as necesidades formativas específicas das persoas que desenvolvan ou vaian desenvolver a súa actividade profesional no sector das TIC, entendéndose por tal toda actividade económica relacionada coa electrónica, a informática, o tratamento da información, as telecomunicacións, e os servizos de valor engadido sobre os anteriores.

Liña D: Actuacións formativas dirixidas ás Pemes.

Poderán ser subvencionadas as actuacións orientadas a proporcionar a empresarios e traballadores coñecemento sobre o uso e manexo das novas tecnoloxías, que os capaciten para un mellor desempeño do seu posto de traballo actual ou futuro, de xeito que mellore a empregabilidade do traballador e a profesionalidade do empresario.

Liña E: Xeración de contidos dixitais.

Poderán ser subvencionables o deseño e creación de novos contidos dixitais, a dixitalización de contidos xa existentes, categorización, indexación, presentación e programas de interactividade.

Mediante esta liña de axudas preténdese apoiar as entidades sen ánimo de lucro á difusión na internet de distintos proxectos asociativos de pequena e mediana dimensión xa realizados pola entidade nos últimos anos noutros formatos (exposicións, talleres, difusións en papel, etc.) que non teñen actualmente reflexo na rede. Neste caso serán obxecto da axuda só os custos de edición e difusión na internet excluíndo os custos de produción ao tratarse de contidos existentes noutros formatos.

Os contidos obxecto de axuda terán que ser liberados mediante licenzas tipo Creative Commons ou Copy Left que garantan o acceso público.

Os desenvolvementos e o software utilizados na realización dos proxectos deberán estar baseados en software libre, sempre que sexa posible.

Todos os sitios web que sexan obxecto da subvención deberán cumprir as directrices para a accesibilidade ao contido de páxinas web do Consorcio World Wide Web W3C (http://www.w3.org) mediante a norma de accesibilidade WAI nalgunha das súas tipoloxías.


Convocatoria DOG: Orde do 31 de decembro de 2008. DOG Nº11 venres, 19 de xaneiro de 2009

A data límite para a presentación de solicitudes é o día 20 de febreiro de 2009

0 comentarios: