Subvencións aos investimentos das empresas en materia TIC

Prazo de presentación de solicitudes: até o 19 de febreiro de 2009
Organismo convocante: Consellaría de Innovación e Industria. Xunta de Galicia.

Obxecto da convocatoria: As subvencións, convocadas en réxime de concorrencia competitiva, teñen por obxecto promover a realización de actuacións das empresas galegas en materia das tecnoloxías da información e as comunicacións, para o ano 2009.

Actuacións subvencionables:

a) Infraestrutura interna das empresas para a Sociedade da Información.

Destinada para que as empresas adopten e utilicen eficientemente as TIC a través de melloras substanciais nos seus sistemas de información. Esta actuación está destinada para as empresas de calquera sector económico. Porén, polas especiais características tecnolóxicas do sector audiovisual, considéranse tamén investimentos específicos para as empresas deste sector.

Poderanse considerar solicitudes nas cales se recolla:

a1) Implantación ou mellora da rede de datos interna da empresa, que pode incluír tamén os elementos físicos necesarios para o acceso á internet.


a2) Investimento en bens de equipo que supoñan unha muda tecnolóxica substancial para as empresas do sector audiovisual galego, ou que contribúan a consolidar procesos xa iniciados de implantación de tecnoloxías emerxentes neste sector.


b) Aplicacións informáticas nas empresas para a Sociedade da Información.

Destinada para que as empresas de calquera sector económico, adopten e utilicen eficientemente as TIC a través de melloras substanciais nos seus sistemas de información.

Poderanse considerar solicitudes, de calquera empresa, nas cales se recolla:

b1) Implantación de aplicacións informáticas baseadas en código aberto e realizadas a medida para o solicitante, ou adaptación de librarías informáticas baseadas en código aberto, destinadas aos sistemas de información e de xestión da empresa solicitante.

b2) Adquisición e implantación de aplicacións informáticas (software) de carácter produtivo.

c) Apoio ao desenvolvemento do sector das TIC.

Destinadas para que as empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, isto é, as empresas TIC, poidan xerar e ofertar ao mercado novos produtos e servizos TIC.

Poderanse considerar solicitudes nas cales se recolla:

c1) Desenvolvemento de aplicacións informáticas baseadas en código aberto.

c2) Desenvolvemento de novos produtos ou servizos TIC, que sexan propiedade do solicitante, e que estean suxeitos a un pagamento por uso, licenza ou adquisición, por parte de terceiros.

d) Formación técnica e promoción do sector das TIC.

Destinadas para que as empresas que desenvolvan a súa actividade económica especificamente no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, isto é, as empresas TIC, poidan xerar e ofertar ao mercado novos produtos e servizos TIC.

Poderanse considerar solicitudes en que se recolla:

d1) Presenza da empresa TIC e do seu persoal propio en foros especializados de comercialización, formación tecnolóxica ou estandarización, tanto en calidade de visitantes profesionais como expositores.

d2) Asistencia do persoal propio da empresa TIC a cursos de formación especializada nos medios de produción necesarios para o desenvolvemento dos seus produtos e servizos.

d3) Actividades de promoción dos servizos e produtos da empresa TICentre os seu clientes.

Convocatoria DOG: Orde do 31 de decembro de 2008. DOG. Nº11 venres, 19 de xaneiro de 2009

A data límite para a presentación de solicitudes é o día 19 de febreiro de 2009

0 comentarios: