Supéranse os 1.000 millóns de usuarios da Internet

A consultora ComScore anunciou que o pasado mes de decembro o mundo superou os 1.000 millóns de usuarios da Internet, destacando que China é xa o país con máis usuarios (179.710.000, mentres que as autoridades chinesas aseguran estar preto dos 300 millóns de usuarios), seguida por EE.UU. (163.300.000) e Xapón (59.993.000), quedando España nun 13º lugar con 17.893.000 internautas.

Cómpre destacar que a rexión de Asia-Pacífico tería o 41,3% dos usuarios da Internet, o que fai que Norteamérica (18,4%) diste moito de ser o corazón da Rede, estando incluso superada por Europa (28%), o que contrasta cos servizos web máis populares (que son case na súa totalidade estadounidenses). Así, o 77% dos usuarios terían accedido a páxinas web de Google, o 64% de Microsoft e o 55% de Yahoo!.

Os datos de ComScore poderían ser pouco precisos en países coma China, onde é habitual acceder á Rede dende equipos públicos (cibercafés) o que explicaría as discrepancias entre os datos oficiais e os que publica a consultora (que identifica ás conexións e non ás persoas detrás das mesmas), e podería indicar que o dominio asiático no número de usuarios da Internet é maior do que pensamos.

0 comentarios: