CENATIC aposta polas redes sociais para dar a coñecer o software libre

Un dos principais obxectivos de CENATIC, o Centro Nacional de Referencia de Aplicacións das TIC baseadas en software de fontes abertas é, segundo os seus responsables, “dar a coñecer” este tipo de ferramentas libres a toda a sociedade; e que mellor maneira de facerse ver en Internet que a través das redes sociais?.
As comunidades virtuais tipo Hi5, Facebook ou Twenti son, a día de hoxe, as máis frecuentadas polos internautas e onde estes pasan máis tempo fozando e interactuando cos seus achegados en liña.

Agora, a firma vén de facer unha aposta forte polas redes de carácter libre xa que, segundo afirman, son comunidades que lles permitirán “chegar a aqueles sectores da sociedade que aínda non son coñecedoras das oportunidades que xera o software libre”.

CENATIC, que xa contaba co seu propio espazo en Facebook, tamén terá presenza, dende esta semana, en identi.ca, a rede social baseada en software libre que lle permite aos usuarios comunicarse cos demais en tempo real con mensaxes curtas de non máis de 140 caracteres, que poden ser vistas polo resto de usuarios.

Segundo anunciaron os responsables desta acción, que poderiamos denominar de marketing promocional, CENATIC tamén estará presente “nos agregadores de contidos máis empregados para fotografía e vídeo, como son Flickr e YouTube”; onde contará coas súas propias canles para subir contidos e poñelos a disposición dos seus usuarios.

Este tipo de canles de comunicación tamén lle servirán a este Centro para darse a coñecer e facerse oco de tódalas actividades que leva a cabo no ámbito do software libre.

A bidireccionalidade destas ferramentas de comunicación permítenlle á entidade o intercambio de información e contidos tales como experiencias, información sobre as súas actividades… e, sobre todo, axúdalle a “construír de xeito conxunto coñecemento e contidos que xeren valor engadido ao sector”.

0 comentarios: