Rede de Dinamización fai balance das súas actividades e anuncia novos obradoiros


A falta de tres días para que remate este mes, a Rede de Dinamización da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria, vén de facer balance do que dou de sí Febreiro, este ano.

A entidade segueu a apostar neste periodo pola inmersión da sociedade galega nas novas tecnoloxías e, neste senso, impartiu un total de 177 obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formaron a un total de 795 persoas ao longo de 1.424 horas.

Os obradoiros máis impartidos foron Iniciación á Internet e Iniciación á Informática; seguidos moi de preto por Iniciación á Informática: Linux e Creación dunha conta de correo electrónico.

Os seguintes na listaxe dos obradoiros máis impartidos foron, Xogos de mesa en Internet, Saúde en Internet e Manexo do teléfono móbil, que poñen de manifesto a grande diversidade formativa que oferta a Rede na actualidade.

Asemade, un total de 971 persoas inscribíronse como usuarios e usuarias da Rede para poder aproveitar as instalacións e as iniciativas que se ofertan nas horas de aula aberta, que como de costume, seguen a ser de balde.

En canto aos números xerais da Rede, dende que botara a andar en xaneiro de 2007 foron xa, segundo veñen de afirmar, 20.645 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI. Neste tempo leváronse a cabo 4.047 obradoiros nos que se formou a 25.967 participantes.

Programación para marzo

Para o vindeiro mes de marzo, a Rede tén planeado organizar de novo numerosos obradoiros e iniciativas que se van levar a cabo en distintos centros, como por exemplo no de Arzúa, onde se desenvolverán, entre o 16 e o 31 de marzo, distintos obradoiros sobre Videomontaxe e Elaboración dun blog, cos que se dotará aos participantes dos coñecementos necesarios para desenvolver unha peza audiovisual coa temática: Memorias da festa do queixo.

En Boiro, tamén está prevista a realización dunha Iniciativa sobre o día do pai, na que participarán cativos e cativas de entre 6 e 10 anos, que crearán un blog onde introducirán fotografías deles e delas cos seus proxenitores.

En Betanzos, xa hai dúas semanas que se puxo en marcha a Web da semana, un proxecto que seguirá a desenvolverse ata o mes de maio e que consiste en ir presentándolles aos usuarios, unha páxina web interesante e coñecida cada semana, que eles poderán puntuar en función da súa estética e funcionalidade.

Por outra banda, os usuarios da aula de Poio, están a crear un arquivo de fotografías antigas da vila, de grande interese histórico, dentro dun proxecto que se fai chamar, Poio, vivencias dun pasado.

A Rede de Dinamización inclúe máis información sobre distintos obradoiros e iniciativas que se van levar a cabo próximamente, na súa páxina web.

0 comentarios: