A Rede de Telecentros de Comunicación estrea nova web


A Secretaría Xeral de Comunicación vén de pór en marcha un novo portal web para dar mellor acollida virtual á Rede de Telecentros de Comunicación (RTC), co que se quere potenciar o traballo en liña e achegar á RTC novas canles de comunicación que lle dean pulo á colaboración a modo de “comunidade social virtual”.

Os usuarios desta web terán dende agora a opción de acceder á Comunidade RTC, o que permite que cada Telecentro de Comunicación poida promover as súas actividades particulares e poñelas en coñecemento dos demais centros e usuarios.

Polas súas características, esta comunidade permite, asemade, a interacción entre os seus membros dun xeito doado, co obxectivo de aproveitar as sinerxías entre os concellos participantes da Rede de Telecentros de Comunicación e permitir que xurdan proxectos comúns “extensibles a calquera destes puntos de conexións”.

Por outra banda, a comunidade conta cun blog que será alimentado por todos e cada un dos telecentros integrantes na rede. Esta ferramenta abrirá unha nova canle de comunicación cos usuarios aos que van dirixidas as propostas de actividade e de formación da rede e será unha iniciativa moi útil entre os concellos integrantes da RTC. Os eventos e a actividade neste blog poderá ser seguida a través de subscrición RSS aportando presenza galega en Internet.

Asemade, a zona de busca da páxina permite localizar os ditos puntos de conexión pola provincia ou polo nome do concello no que se atopan, facilitando o acceso á información de cada un deles.

Na actualidade, a Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, dispón de telecentros situados nas localidades da Coruña, Abegondo, Arzúa, Boiro, Betanzos, Carballo, Ribeira, Santa Comba, Muros, Santiago, Vedra, Vimianzo, A Fonsagrada, Foz, Lugo, Quiroga, Melide, Monforte de Lemos, Monterroso, Sarria, Viveiro, Santa Comba, Chantada, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Verín, Xinzo de Limia, A Estrada, Lalín, A Cañiza, Ponteareas, Pontevedra, Marín, Redondela, Tui e Vigo.

0 comentarios: