Inaugúrase un novo centro da Rede de Dinamización en Lugo

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información conta cun novo centro en Lugo dende este luns. As instalacións, situadas na praza da Milagrosa, 7, foron inauguradas polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, o delegado da Consellaría en Lugo, Ramón Cortés, e o xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Xosé Lois Villasante.

O centro supuxo un investimento de 227.144 euros e está equipado con 18 ordenadores con lectores de e-DNI e cámaras web, dúas impresoras, un proxecto, unha pantalla de proxección, unha cámara de fotos dixital e un escáner. O equipamento está configurado con software libre e a conexión á internet faise mediante wifi.

O centro acollerá obradoiros de temática diversa para achegar a poboación ás Novas Tecnoloxías. Até o momento da inauguración do centro, a Rede de Dinamización estaba presente en Lugo a través da súa asociación con Asorlu, coa que ten levado adiante diversas iniciativas, como o galardoado E-Signovisual, dicionario virtual de termos tecnolóxicos en Lingua de Signos que legou o premio á mellor iniciativa tecnolóxica no VII Congreso Nacional de Telecentros.

Entrega de premios

Despois da inauguración entregáronse dous dos premios do II Concurso de Iniciativas. Na categoría de Poboación xeral resultou gañador Tradición dos ferreiros de Riotorto, levada a cabo pola Rede en colaboración co concello de Riotorto, e da que se encargaron Vanesa Pérez Álvarez, Alejandro Rancaño Herrán e Mª del Camino Rando García. Consistiu na realización dun documental sobre a tradición histórica dos ferreiros en Riotorto, despois de participar en varios obradoiros, e a súa publicación nun blog.

Pola súa banda, na categoría de Persoas con discapacidade, o premio foi parar a Conciencia-T: Coñecendo e rachando as barreiras, levada a cabo pola Rede en colaboración con Asorlu (Asociación de Persoas Xordas de Lugo) e coordinada por María Francisca García Correa e Emilio González Carballo, dinamizadores da Rede. Consistiu na creación dun espazo web sobre as barreiras de comunicación que existen na sociedade, amosadas mediante unha montaxe visual.

0 comentarios: