120 telecentros galegos axudan a achegar aos cidadáns á Administración electrónica


Galicia conta xa cun total de 120 telecentros dende os que os cidadáns, sobre todo a poboación rural, poden ter acceso ás distintas ferramentas que facilita a Administración electrónica. Un total de 45 persoas axudarán aos usuarios a utilizar ese tipo de medios que teñen por obxectivo axilizar o traballo da Administración. A web do 060, un portal que está a funcionar dende o 2006, ofrécelles máis de 1.200 servizos.

A iniciativa, financiada polos ministerios de Industria e Administracións Públicas, foi presentada esta semana en A Coruña polo delegado do Goberno, Manuel Ameijeiras; a subdirectora xeral adxunta de Innovación do Ministerio de Administracións Públicas, Eloísa Paredes, e o voceiro de red.es, Rafael Chávarri. Entre os trámites que poden realizarse a través desta web, segundo explicou o delegado do Goberno, está a renovación do carné de conducir, acceder a información sobre pensións, desemprego ou seguridade social, denuncias de violencia machista ou asuntos laborais. En total son uns 700 trámites da Administración Xeral do Estado e outros específicos da comunidade autónoma como acceder ao portal de Turismo, pedir cita médica ou información sobre accesos virtuais.

0 comentarios: