No novo Xuventude Galiza Net participarán 1.800 persoas

O 3, 4 e 5 de abril, 1.800 mozos e mozas de 16 a 35 anos participarán no encontro Xuventude Galiza Net, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia e que chega este ano á súa décima edición.

Por primeira vez, o punto de encontro será o multiusos Fontes do Sar, en Santiago de Compostela, onde os participantes terán a súa base de actividade durante os tres días que dura o encontro.

Xuventude Galiza Net é un evento que se presenta como unha referencia no mundo das novas tecnoloxías e convértese así nun punto de encontro neste eido tanto para todos os mozos e mozas que participan activamente nel como para os milleiros de persoas que poden achegarse ata o recinto para participar nas actividades exteriores programadas no marco do encontro.

Intranet e extranet

Hai dous xeitos de participar no Xuventude Galiza Net: por unha banda está o eido dirixido exclusivamente aos mozos e mozas de 16 a 35 anos que están inscritos para acceder á intranet do evento, situada na pista central do multiusos. Alí estarán situadas 1.800 persoas cos seus ordenadores, conectados por máis de 40.000 metros de cable, a unha velocidade de 1 xigabit. Estes mozos e mozas poden participar ademais en diversas actividades lúdicas, creativas, conferencias e talleres arredor da actualidade informática.

Outro xeito de participar neste evento informático é entrando ao espazo aberto, libre e totalmente gratuíto habilitado no vestíbulo do multiusos. Nesta extranet situaranse os stands da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, organizadora do evento, e das distintas empresas patrocinadoras; espazos para xogar ás videoconsolas máis novidosas; zonas de obradoiros; e outras actividades lúdicas para xente de todas as idades. Todas as persoas que se acheguen ata a extranet do Xuventude Galiza Net poderán participar en diversos concursos, asistir ás conferencias programadas e tamén á proxección da película Pérez 2, o ratiño dos teus soños, unha produción cinematográfica que será proxectada de forma gratuíta por Filmax Animation.

Novidades

Nesta edición do Xuventude Galiza Net as novidades xiran arredor da robótica. Se o pasado ano se fixo unha breve incursión no mundo da robótica nesta ocasión levarase a cabo, coa colaboración da organización IEEE, a primeira edición do Campionato Internacional de Robótica XGN-IEEE. Neste campionato competirán máis de 100 robots chegados principalmente de Galicia, Madrid, Valencia, Reino Unido, Italia, Francia e Portugal. Estes robots realizarán diversas probas polas que serán puntuados para proclamar aos gañadores.

Así, os robots tomarán parte en probas de loitas de sumo; circuíto de velocidade; circuíto de habilidade; labirinto coñecido; e labirinto descoñecido. Ademais, participarán nunha carreira de Fórmula 1, emulando á carreira que terá lugar no circuíto de Malasia o domingo 5 de abril ás 8 horas.

Outra das novidades máis salientables é a visita do Embaixador de LEGO en España, que visitará o Xuventude Galiza Net para presentar as últimas novidades internacionais da marca, aínda nos dispoñibles no mercado español. Deste xeito, todas as persoas que se acheguen ata o Multiusos Fontes do Sar poderán ver as exposicións de creacións realizadas por artistas de LEGO e participar en obradoiros de robots centrados na plataforma MIndstorm de LEGO e en obradoiros de deseño, empregando o deseñador dixital de LEGO e as pezas orixinais de LEGO.

Ademais, a organización do Xuventude Galiza Net seguirá a liña iniciada en edicións anteriores de potenciación do software libre a través de conferencias e obradoiros de Linux, coa colaboración de asociacións xuvenís, e da potenciación do uso do galego co obxecto de realizar a normalización do idioma entre a xuventude, vencellando o galego á mocidade e ao eido vangardista das novas tecnoloxías. Ademais, a lingua, a cultura e o patrimonio galego terán tamén un espazo destacado dentro dos contidos deste importante evento informático.

0 comentarios: