A EGAP convoca un curso telepresencial a través da internet

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en colaboración coa Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, pon en marcha unha experiencia pioneira de formación telepresencial en tecnoloxías da información, ofimática e idiomas. A iniciativa, publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), forma parte da colaboración entre os dous departamentos para a innovación formativa vencellada ás TIC.
EGAP

Os cursos destínanse a empregados públicos da Administración local de Galiza que se encontren en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos en cada unha das convocatorias. A plataforma usa ferramentas multimedia para ofrecerlle ao alumnado todas as vantaxes da formación presencial pero aproveitando as características da educación a distancia. O ensino pódese efectuar en directo ou en diferido para os cursos de inglés, ofimática e tecnoloxía.

As actividades en directo son cursos de formación telepresencial que precisarán de webcam, micrófono e chat, entre outras ferramentas. Os cursos en diferido emitiranse nuns días e horas concretas. O alumnado poderá visualizar as gravacións das sesións emitidas anteriormente, coas explicacións do profesorado e dos compañeiros, aínda que non poderá interactuar con eles.

Segundo se indica no DOG, os requisitos técnicos para acceder á plataforma son dispoñer de acceso á internet de banda larga, dispositivos de entrada e saída de audio, un computador cun mínimo de 512 Mb de memoria RAM e sistema operativo Windows. Ademais, existen dúas modalidades de seguimento deste curso: con certificado de aproveitamento ou sen el. A EGAP só expedirá certificado a aquelas persoas que soliciten esta modalidade, asistan ao curso un mínimo do 85% das horas establecidas e superen o sistema de avaliación presencial que se determine.

O importe da matrícula é de 50 euros para aqueles alumnos que opten á modalidade de curso con expedición de certificado de aproveitamento. O prazo de presentación das solicitudes rematará o 30 de marzo. Máis información na páxina web da Escola: http://egap.xunta.es/

0 comentarios: