O OGSI confirma un importante aumento no uso das TIC dos fogares galegos

O Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI) publica este luns, por terceiro ano consecutivo, a Enquisa á poboación sobre a Sociedade da Información en Galiza. O estudo analiza polo miúdo o equipamento e o uso das TIC e a súa evolución nos fogares galegos. Un dos datos máis salientábeis é que no ano 2008 o 62,3% da poboación dispoñía de computador no fogar, o que supón converxer coa media estatal, do 63,6.

Este dato medrou seis puntos con respecto ao ano 2007. Tamén foi significativa a evolución da contratación de internet e de banda larga nos fogares do país. O 41% da poboación galega ten contratada algunha conexión á rede, fronte ao 30,2% de 2007. Isto supuxo un crecemento relativo do 35,8%, fronte ao 14,3% que se rexistrou no Estado.

As conexións de banda larga tamén medraron espectacularmente, do 23,1% de 2007 ao 35,4% de 2008. O ADSL é a tecnoloxía de acceso á rede maioritaria, co 53% dos fogares galegos. A velocidade máis frecuente é de entre 2 e 4 megas, mentres que a metade das conexións superan eses dous megas de capacidade de transmisión de datos.

No que se refire ao equipamento tecnolóxico en sentido amplo, destaca o relacionado coas actividades de lecer. Así, tres de cada catro persoas enquisadas dispón de DVD e máis da metade ten cámara de fotos dixital. Os reprodutores de mp3 e mp4 están presentes no 40% dos fogares.

Tamén medraron de xeito importante os indicadores de uso das TIC: o 55,3% da poboación utilizou un ordenador nos últimos tres meses, o que supuxo un incremento de 7,6 puntos con respecto a 2007. Iso tamén supuxo unha converxencia coa media do Estado: en Galiza medrou un 34,9% fronte ao 26,3% estatal. Pola súa banda, máis da metade da cidadanía usou internet nos últimos tres meses, oito puntos máis ca no ano anterior, o que tamén reduce a distancia coa media estatal.

O uso da internet aumentou tamén en frecuencia. Das persoas que accederon á rede no último trimestre, máis da metade fixérono diariamente e o 85,7% cunha frecuencia diaria ou semanal. As conexións foron de máis de cinco horas á semana para o 32,7% das persoas usuarias, fronte ao 26,3% do ano 2007. A rede úsase máis nos fogares (68,7%) ca no centro de traballo (42,5%).

Porén, séguese a detectar fenda dixital entre diferentes niveis socioeconómicos e xeográficos da poboación. O máis amplo dáse segundo o nivel académico: o 15,4% das persoas con estudos primarios fixo uso da rede nos últimos tres meses, fronte ao 97,2% das con estudos superiores.

Todos os informes e documentos do OGSI distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative Commons e están dispoñibles na web do Observatorio.

Datos do estudo

O Observatorio, promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, é unha das actuacións contempladas no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) e ten como obxectivo avaliar a difusión e uso das tecnoloxías da información e as comunicacións en Galiza e medir a eficacia e o impacto das políticas públicas nesta materia.

O traballo de campo para a elaboración deste estudo conta coa realización de 1.200 enquisas presenciais; unha cifra que permite unha análise detallada dos factores xeográficos e socioeconómicos que inflúen na inmersión de Galiza na Sociedade da Información. Ademais, o estudo conta co maior número de indicadores sobre a implantación das novas tecnoloxías na sociedade galega.

0 comentarios: