Flocos.tv inaugura un ciclo adicado a Memoria de Muller


"Identidade de muller xorda", "Memoria dunha nai", "Loita pola ría", "Historias de aldea", "O loro", "Os anos mozos", "O maior agasallo da avoa" e "A vida dunha nai no 1955" son as pleículas seleccionadas


Flocos.tv
estrea hoxe un novo ciclo audiovisual, desta volta adicado á memoria das mulleres rurais galegas a través das videomontaxes realizadas polas participantes de "Memoria de Muller", a iniciativa da Rede de Dinamización posta en marcha para propiciar un achegamento das mulleres maiores de 50 anos ás Novas Tecnoloxías e á Sociedade da Información. Ao mesmo tempo pretende producir unha recuperación da memoria histórica, persoal, social e/ou cultural de cada concelloa través dos relatos persoais das participantes, que son as auténticas artífices e protagonistas de todo o proceso de elaboración destas videomontaxes que hoxe se presentan.

Esta iniciativa, que se levou a cabo en 23 concellos galegos, nos que máis dun cento de mulleres plasmaron as súas historias, consistiu en que cada unha delas, despois de ter recibido a formación tecnolóxica básica para crear un vídeo, fixera o seu propio, contando o que cada unha considereou oportuno sobre as súas vivencias persoais, a través de imaxes antigas, a súa propia voz para narrar a historia e música.

Os vídeos dispoñíbeis en flocos.tv e as súas autoras son:

- Identidade de muller xorda, de Milagros Vázquez, no que a autora nos conta cómo foi a infancia e a mocidade dunha rapaza xorda no rural de Galicia. Este vídeo, nacido froito da colaboración entre a Rede de Dinamización e ASORLU (Asociación de Persoas Xordas de Lugo) están tamén acompañado do making of, para que os e as internautas coñezan de primeira man o proceso de elaboración dunha "memoria de muller".

- Memoria dunha nai, de Pilar Sánchez, muller de Curtis que rinde homenaxe á súa filla, falecida en accidente de tráfico cando aińda era moi nova.
- Loita pola ría, no que Estrella nos relata a loita, en 1965, entre as mulleres de Ponte Sampaio e Arcade pola ría.

- Historias de aldea, na que a señora Casimira describe a importancia dos animais para unha muller labrega nunha aldea remota de Galicia.

- O loro, de Inés Fernández. Narra unha anécdota sucedida en Barciademera, vila próxima a Vigo nos anos 50.

- Os anos mozos, de Cándida Rodríguez González, quen rememora os seus anos mozos en Chantada.

- O maior agasallo da avoa, de Fina Casal Santesteban, habitante de San Sadurniño que en conseguir que fiar na lá sexa considerado un oficio artesán legalmente un dos seus maiores obxectivos, pois non quere que se perda esta herdanza que recibiu da súa avoa.

- A vida dunha nai no 1955, de Manola González Segade. A nai da protagonista tivo que pasar moitos apuros para sacar aos seus fillos adiante, xa que o seu pai marchou para a emigración e, xa fóra do noso país, refixo a súa vida con outra persoa, mentres que ela pasaba apuros aquí.

0 comentarios: