A Rede celebra o Día da Muller Traballadora estreando a páxina web de Memoria de Muller

En www.memoriademuller.eu están xa dispoñíbeis vintesete vídeos, que irán aumentando proximamente

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información presenta hoxe a páxina web de Memoria de Muller que, ao igual que este proxecto no seu conxunto, está adicada á memoria das mulleres rurais galegas. As videomontaxes que nela se poden ver foron realizadas por principiantes no mundo das Novas Tecnoloxías, e naceron dunha iniciativa da Rede para achegar as galegas ao mundo informático e para recuperar a memoria persoal e histórica de todas esas anónimas que, non por ser descoñecidas, deixan de ser fundamentais na historia do noso país. Este domingo día 8 celébrase o Día da Muller Traballadora, e desde a Rede quéreselles render homenaxe coa presentación desta web.

Actualmente están dispoñíbeis en www.memoriademuller.eu vintesete vídeos, pero iranse subindo máis, até deixar á disposición dos e das internautas todas as videomontaxes realizadas polas máis de cen mulleres que participaron na iniciativa. Os que xa se poden ver son os realizados en Curtis, Chantada, San Sadurniño, Boiro, Ribadeo, ASORLU e algúns dos feitos en Pontevedra.

0 comentarios: