Intervida remodela a súa web infantil, facéndoa máis atractiva e navegable


A web SOL, que así se fai chamar, preséntase a modo de xogo, cunha interface moi divertida para os máis cativos da casa, e tén como obxectivo, espertar a curiosidade dos e das menores “cara o coñecemento de realidades distintas ás súas”, facendo que se habitúen a adoptar posturas de reflexión e diálogo “como vía para a resolución de conflitos”.

Con esta iniciativa, o departamento de Educación para o Desenvolvemento (EPD) da organización, pretende conseguir, mediante un enfoque lúdico, que os cativos e as cativas “sexan capaces de analizar o seu entorno e construir unha actitude crítica e responsable cara a sociedade”. É por isto que, os seus responsables directos, remodelaron a web para presentala de xeito máis dinámico, atractivo e con maior riqueza de contidos facendo que a súa navegación fora moito máis que un xogo.

O portal SOL, que forma parte dun proxecto de maior envergadura que inclúe unha revista en liña e outra impresa, permítelle aos seus usuarios (por cativos que sexan) navegar polas distintas seccións da web, tales como xogos, bibliotecas ou obradoiros, para ir descubrindo por si mesmos cal é a situación do mundo actual.
Asemade, o portal inclúe unha sección destinada aos docentes e, dentro de pouco, segundo anunciaron, incorporarase a posibilidade de acceder á sección Club, “unha comunidade específicamente deseñada para os usuarios habituais”.

O proxecto SOL conta cunha serie de personaxes que, a través das súas viaxes polo mundo, dan a coñecer a diversidade cultural e achegan aos nenos e nenas temas tan polémicos como a desigualdade, a pobreza, a alfabetización, a interculturalidade, os dereitos humanos, a explotación laboral infantil e a protección do medio.

0 comentarios: