Preto de mil obras da USC incorporaranse a Google Books

A Universidade de Santiago de Compostela chegou a un acordo con Google para difundir 700 libros e 246 teses de doutoramento a través do servizo Google Books. O acordo presentouse este martes na capital do país.

O vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres, cualificou o acordo entre as dúas entidades de "imprescindíbel" para acadar o obxectivo de difusión do coñecemento e da cultura que ten a universidade compostelá.

Por mor do acordo, Google Books dixitalizará as 700 obras e 246 teses de doutoramento editadas polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC para que os internautas poidan atopar calquera dato nos contidos destes documentos. Tamén se poderá acceder a un 20% da obra, que seguirá protexida polos dereitos de autor.

Google correrá cos gastos de dixitalización e terá como obxectivo incluír nos seus fondos toda a bibliografía da USC para "contribuír á difusión do labor investigador e de divulgación da universidade".

Pola súa banda, o responásbel de Google Books na Península Ibérica, Luis Collado, salientou a importancia de que calquera persoa poida acceder aos documentos a través da rede "e coñeza que a USC é tamén unha fonte de coñecemento".

0 comentarios: