O Play-Doc cumpre cinco anos cunha coidada selección de 31 filmes


A sección informativa céntrase este ano en dous aclamados directores: o lituano Audrius Stonys e o polaco Bogdan Dziworski.

Son 31 títulos, procedentes de Xapón, Reino Unido, Eslovaquia, Irán, México, EE.UU, Lituania, Israel, China e Polonia, ademais dunha destacada representación do cinema galego. Un xurado internacional encabezado por Georgi Lazarevski, un dos directores favoritos do público de Play-Doc, encargarase de repartir os 9.000€ en premios para as tres categorías a competición dentro da Sección Oficial. A Sección Informativa centrarase este ano en dous aclamados directores, o lituano Audrius Stonys e o polaco Bogdan Dziworski, unha autentica 'delicatesen' cinematográfica. O festival abrirase o 18 de marzo ás oito da tarde coa proxección de Cianose, Biatlón (Bogdan Dziworsk) e Amores cegos (Juraj Lehotský). Os premios entregaranse nunha gala que terá lugar o domingo 22 e na que actuará Uxía.

O realizador Lech Kowalski, estrela convidada á edición 2008 do festival, escribe que ""Este é un momento importante na Historia. O fracaso do capitalismo occidental (estadounidense), como puxo de manifesto a caída virtual de Wall Street o outono pasado, ofrece unha oportunidade sen precedentes de dirixilo «TODO» nunha nova dirección. O cine independente, así como as webs independentes e os medios de comunicación independentes son poderosas armas para poder levalo a cabo". Kowalsky conclúe "máis ca nunca Play-Doc é precisamente o que necesitamos para reunirnos. É pequeno e local (...) Todo no festival está feito a escala persoal, cun ambiente informal (...) Play-Doc está na vanguarda da guerra cultural contra o dominio das grandes empresas".

Proxectaranse seis documentais na sección oficial: Amores cegos (Juraj Lehotský, Eslovaquia), Intimidades de Shakespeare e Víctor Hugo (Yulene Olaizola, México), Xapón: Unha historia de amor e odio (Sean McAllister, Reino Unido-Xapón), A ponte das flores (Thomas Ciulei, Romanía), Os amores do Sr. An (Yang Lina, China), e Z32 (Avi Mograbi, Israel-Francia).

Entre os participantes galegos, destaca o documental Mulleres na Raia, de Diana Gonçalves, primeiro traballo desta ex alumna de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, Eloxio da Distancia (Felipe Vega e Julio Llamazares), París #1 (Óliver Laxe) ou o filme Afranio, de Víctor Coyote, que conta a aventura vivida por Alonso Ríos na súa fuxida da represión fascista. Ademais, poderánse ver os filmes Cantos Rodados, de Xoel Méndez, sobre o grupo Xerock, e Manuel e Elisa, unha das sorpresas máis agradábeis do 2008, unha sinxela película sobre a vida cotiá dun matrimonio do Rosal.

Actividades paralelas
O festival multiplica as súas actividades, co cine como centro, pero procurando abranguer outro ámbitos e implicando á poboación de Tui, onde o Play-Doc xa se converteu nunha cita obrigada ano a ano. Nesta edición realizarase un particular obradoiro no que os habitantes de Tui serán os protagonistas. Baixo o título O Retrato Filmado, un pequeno número de realizadores retratará a algúns habitantes da comarca mediante unha peza documental de curta duración que se proxectará durante o festival. Como parte do exercicio os cineastas serán acollidos polas persoas a retratar e convivir, por uns días, xunto a eles nos seus fogares. O seminario está coordinado por polo multipremiado director lituano Audrius Stonys e Marta Andreu, produtora e coordinadora académica do Master de Creación Documental da UPF de Barcelona.

0 comentarios: