Mancomún e os GGULs avanzan algunhas das novidades a presentar en Xuventude Galiza Net

Na cuestión da programación aberta, Xuventude Galiza Net é en boa medida unha das moitas faces visibles que adopta. De feito, e para complicar un pouco máis as cousas, case se podería dicir que se dá o caso contrario: que o software libre tamén se deixa querer e dar forma por eventos como XGN. Sexa como sexa, a situación semella moi propicia para poñer de relevo as vantaxes dunha cultura de intercambio de coñecemento e colaboración, un xeito de ver e entender os asuntos dixitais que non se entendería sen a achega de moitos/as. Unha vez máis, e tirando o máximo proveito deste enxalzamento da colectividade e da información que é Xuventude Galiza Net, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre Mancomún asume os labores de coordinación de todos os eventos vinculados ás novas tecnoloxías e aos estándares abertos que se levan a cabo no marco da party.

Dito doutra maneira: Mancomún (mancomun.org), que está a avanzar unha boa parte do programa malia non telo cen por cen pechado, será a porta na que debemos petar para entrar nun espazo máis grande e enriquecer os nosos computadores de programas libres, útiles e en galego.

Máis polo miúdo, e segundo sinalan fontes do propio Centro, a idea é actuar nesta nova edición como canalizador das propostas achegadas por todos os axentes integrantes da comunidade de usuarios e deseñadores de software libre, a título individual, de empresa ou de asociación. Ou sexa, que nesta convocatoria 2009 refórzase o papel integrador de Mancomún como nexo de unión dos esforzos levados a cabo na nosa terra para mellorar o panorama da informática aberta. Con todo, este sistema de organización non é novo e, para quen quixera velos, á vista estiveron os froitos en anteriores convocatorias.

Un bo exemplo desta liña de traballo foi a exposición dos moitos proxectos informáticos postos en marcha polos Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGULs) e que se levou a cabo en XGN 2008, entre os que se incluíu a tradución ao 100% da interface do OpenOffice.org 3.0 (finalizada en boa medida grazas aos esforzos dos participantes).

No que se refire ás actividades preparadas para este ano, o obxectivo é afondar na liña acadada previamente en dúas direccións: cara ao fondo e cara ás beiras (ampliando o abano temático). Que ninguén se estrañe se se volve tirar partido da potencial man de obra reunida para finalizar un novo reto como o da tradución do OpenOffice.org.

Malia estar suxeita a cambios de última hora, podemos facernos unha idea do miolo do programa grazas a esta listaxe achegada por Mancomún.

Obradoiros

A. Obradoiro de tradución (Leandro Regueiro): Obradoiro no que se realizaría unha pequena charla introdutoria sobre a localización de software, seguida dunha parte práctica para traducir algún material previamente escollido.

B. Obradoiro sobre control Automático e Robótica con Ferramentas Open Source (AULUSC): Obradoiro no que se tratará o uso de ferramentas open source para o control automático coa solución de open hardware Arduino. O obradoiro está orientado á construción de mini robots móbiles baseados no Arduino e á explicación de como aproveitar a potencia desta plataforma co uso do PC e de software de control robótico aberto.

C. Introdución á programación móbil: jme (Alexandre González): Un obradoiro sobre programación con jme en móbiles. Trataríanse temas como formularios e canvas (de forma introdutoria).

Relatorios

A. Instalación Automatizada de sistemas Debian e derivados (Adrián Boubeta): Pequena introdución a instalación automatizada mediante o uso de PXE, DHCP, TFTP e as utilidades do proxecto Debian.

B. Relatorio sobre a rede virtual galega (Lareta.net, Chuza, Blogaliza...)/ (Fran Diéguez): “Dende o staff de www.lareta.net, que é un sistema de microbloguexo en galego e proxecto do GLUG, queremos facer unha presentación en público deste sistema, demostración e demais para ser moitos máis persoas usuarias e aumentar así a masa de galegos que navegan na chamada e recoñecida "rede virtual galega". Nel tamén falaremos das distintas mashups que estamos facendo, alén de chamar a máis desenvolvedores que pola XGN estarán. Lareta.net é un proxecto licenciado con GNU Affero General Public License e os contidos dos usuarios en Creative Commons Attribution 3.0”.

Actividades na zona libre/intranet

A. Stepmanía/DDR


B. Tron/Armagetron
Dando exemplo: espazo colectivo e compartido
Co fin de facer máis fronte común e reforzar pola vía do real o papel colaborativo do virtual, Mancomún, a Dirección Xeral de Promoción Industrial e os representantes dos devanditos grupos de usuarios e deseñadores galegos de software libre compartirán un espazo propio de seu na zona libre para dar a coñecer o seu traballo a todas as persoas que se acheguen por XGN. Neste senso, a estrutura é a mesma cá do ano pasado ou cá posta en práctica na Conferencia Internacional de Software Libre desenvolvida este ano en Málaga, pero reforzada. Por certo, que segundo informa o Centro Mancomún, o espazo destinado a todo este tecido galego de deseñadores de programación aberta presentarase baixo o mesmo lema co que xa o fixera na devandita cidade andaluza: Co Software Libre xogamos todos en Galiza. Precisamente con esta estrutura e esta campaña, Mancomún sorprendera na CISL expoñendo unha estrutura colaborativa pouco común no resto de comunidades e que atraeu a un gran número de interesados.
Os espazos da Dirección Xeral e os axentes (sobre todo Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre, GGUL) en XGN, terán como obxectivo fornecer un espazo que facilite a loxística interna; que permita a difusión de todas as actividades/materiais que se están a facer no eido do software libre; pero, e o que é máis importante, que faga visible o apoio institucional ao software libre a través do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza.

Galinux, protagonista indiscutíbel

A caseta que a Dirección Xeral de Promoción Industrial habilitará no XGN terá como protagonista indiscutíbel ao Galinux. Este completo sistema operativo libre e en galego, desenvolvido por Mancomún, despregará toda a súa imaxe gráfica para atraer ao maior número de xente a coñecer as vantaxes deste sistema. O fondo do stand da Dirección Xeral centrarase na mascota do Galinux, AraOS, e seguirá a mesma liña da campaña de medios que se lanzou durante mes de febreiro para a promoción deste sistema. Ademais haberá un AraOS xigante (2,5 metros de alto) para diversión dos cativos e cativas.

Como iniciativas promovidas dende Mancomún, está prevista a organización do certame de vídeo Eu son un Galinux, que se integrará como apartado dentro da proposta de vídeo-creación promovida dende a propia dirección do XGN.

O concurso, na liña da iniciativa promovida pola Linux Foundation, convoca a calquera participante no XGN a ofrecer a súa particular visión dos anuncios televisivos Eu son un Mac, eu son un PC de Apple, aos que agora se engadiría o terceiro participante Eu son un Galinux.

O obxectivo, sinalan fontes de Mancomún é promover na medida do posible o uso do Galinux sinalando o que esta distribución significa para os que a coñecen, ao tempo que permita inspirar a moitos a probala. O software libre é resultado da colaboración de toda a comunidade, e quen mellor para explicar as vantaxes do Galinux que os integrantes, facéndoo dun xeito desenfadado e ameno. Asemade, habilitarase no propio stand varios computadores con xogos libres e un servidor de descargas dos mesmos aplicativos.

0 comentarios: