O Vicedo inaugura Centro de Dinamización


O Vicedo contará a partir deste martes cun Centro de Dinamización da Sociedade da Información. As instalacións, que se suman á Rede de Dinamización, estarán situadas na rúa Cidade de Mondoñedo, 23. O acto inaugural terá lugar ás 19 horas.

O Centro que comeza a funcionar no Vicedo está totalmente equipado para que o persoal dinamizador da Rede de Dinamización lle poida achegar á poboación as Novas Tecnoloxías. O novo centro acollerá diversos obradoiros de índole tecnolóxica variada, como poden ser de iniciación á Internet, á Informática ou a outras ferramentas.

A Consellaría de Innovación e Industria dotou este centro cun equipamento de oito ordenadores, catro cámaras web, sete lectores de DNI electrónico, dúas impresoras (a cor e en branco e negro), un escáner, un canón proxector e unha cámara de fotos dixital.

A Rede xa estaba presente no Vicedo dende febreiro de 2007. Desde esa data, foron xa 175 as persoas usuarias das instalacións da Rede. Un 56% destas son mulleres. Se atendemos ás idades, un 22% teñen entre 25 e 34 anos, un 17% están entre 35 e 44 e un 16% entre 16 e 24.

Dende xaneiro do 2008 fixéronse 1.340 usos das instalacións da Rede en horario de aula aberta -no que se pode acceder libremente ao uso dos computadores-. Tamén hai que destacar que se levan realizados 55 obradoiros, nos que se formou a 216 persoas ao longo de 503 horas. A composición destes participantes foi dun 58% de mulleres. Mirando as idades, un 22 tiñan entre 55 e 64, un 21% eran maiores de 65 e un 15% situábanse entre os 35 e 44 anos.

0 comentarios: