Un vídeo do Courel arrasa en YouTube

Alá van xa dous anos dende que uns voluntarios da asociación ecoloxista Adega, co obxectivo de reivindicar a creación dun parque natural na Serra do Courel, publicaron en YouTube un vídeo promocional deste paraxe idílico, que pronto superaría as 450.000 visitas.

O film, duns seis minutos de duración, non tardou nin medio ano en converterse “nun dos maiores fenómenos do ciberespazo en Galicia”, tal e como expoñen na edición de hoxe de La Voz de Galicia, e na actualidade segue a atraer a curiosidade dos e das internautas, que acceden en masa á ligazón pendurada na sección Viajes y eventos do YouTube español, para velo.

Tal é a popularidade deste vídeo que, a día de hoxe, está preto de superar o millón de visitas, unha cifra que o sitúa entre os seis máis vistos da devandita sección na que se atopa e nun dos máis coñecidos do ciberespazo galego.

As imaxes, que segundo explican no xornal dixital, proceden do programa de TVG, Galicia para o mundo, foron montadas por uns voluntarios, que escolleron como banda sonora, moi acertadamente, o tema musical Terra, de Luar na Lubre, case tan bonito como o “paraíso máis perdido de Galicia”.

0 comentarios: