A AGE oferta varios cursos de formación en liña para traballadores das Artes Gráficas

A consultora de formación Femxa, que nos últimos sete anos de actividade formou a máis de 130.000 alumnos e xestionou plans formativos en ata 29 sectores diferentes, vén de anunciar, desta volta, a oferta de varios cursos en liña para traballadores das artes gráficas totalmente financiados pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.

Esta oferta formativa, chegada da man de AGE, a Asociación Galega de Editores, pon a disposición dos traballadores do sector, Editoriais, Artes Gráficas e Publicidade de Galicia, un total de catro cursos que se impartirán de balde a partir de finais de abril.

Os cursos, que se desenvolverán a través de Internet, tan só poderán ser realizados por traballadores e traballadoras en activo que estean dentro do réxime xeral ou coticen como autónomos, e estarán dispoñibles as 24 horas do día na Rede.

Asemade, deberán dispoñer dunha conexión a Internet (cable, ADSL, RDSI) e posuir uns coñecementos básicos sobre o manexo de equipos informáticos e sistemas operativos.
Os cursos ofertados para Galicia nesta ocasión son os seguintes: Inglés xeral básico (135 horas), Inglés xeral intermediario (135 horas), Introdución ao deseño de páxinas web (112 horas) e Photoshop (152 horas).

Para poder participar nesta actividade, os interesados deberán enviar unha fotocopia do DNI, da tarxeta sanitaria e do encabezamento da última nómina ou recibo de autónomos (no caso de que proceda) ao Grupo Femxa, xunto coa ficha de inscrición e o número de teléfono móbil para facilitar o contacto.

A documentación pode ser remitida por fax ao 986 494 120 (á atención de Candela Touceda) ou ben por correo electrónico.

As prazas son limitadas e serán adxudicadas por orde de recepción das solicitudes.

0 comentarios: