Televés crea un blog dedicado á medición de sinais de radio e televisión


O rincón da medición é o nome que a compañía de telecomunicacións Televés lle puxo (moi acertadamente) ao seu novo blog, un espazo creado para aproveitar ao máximo as oportunidades que brindan as novas tecnoloxías e ao que os internautas poden acceder directamente dende a súa web oficial para informarse, de xeito ameno e directo, dos temas e cuestión técnicas máis actuais do mundo das medicións de sinais de radio-televisión.

Televés pretende, con esta iniciativa, “estar cada día máis preto dos seus clientes” e poder así “responder ás súas preferencias e necesidades”; por iso, o blog permite que estes teñan ocasión de participar con comentarios, cuestións ou datos adicionais nos temas de debate e propostas que o equipo encargado vaia suxerindo cada certo tempo no espazo común.

Segundo vén de indicar Sergio Martín, responsable de Comunicación de Televés Corporación, o obxectivo deste “rincón” é, achegarlle aos técnicos e especialistas as novidades do produto e de funcionalidade dos medidores de campo de Televés, “da maneira máis obxectiva posible e sempre coa intención de aportar valor real ao seu traballo”.

A ferramenta, que se puxo en marcha en castelán, vai funcionar tamén noutros idiomas, debido, sobre todo, “á forte internacionalización de Televés”, que está presente en máis de 80 países.

Porén o blog non é a única iniciativa que esta entidade leva a cabo para achegarlle a tecnoloxía aos seus clientes, senón que forma parte dun conxunto de medidas destinadas a empregar todas as ferramentas que ofrecen as novas canles de comunicación en torno a Internet e ás redes sociais.

0 comentarios: